- Educadores ao servizo desta empresa pública impartirán senllos cursos nas tres localidades.
- Mentres que en Santa Comba celebrarase mañá, día 22, en Fene e Malpica terán lugar o venres e sábado respectivamente.
- Estas xornadas constitúen unha excelente oportunidade para que os participantes poidan reforzar os seus coñecementos na autoxestión da materia orgánica e disipar dúbidas.
Cerceda, a 21 de xullo de 2021.- Os veciños que, voluntariamente, decidiron participar nos programas de compostaxe doméstica instaurados nos concellos coruñeses de Santa Comba, Fene e Malpica de Bergantiños, recibirán esta semana senllos cursos presenciais impartidos por educadores ao servizo de Sogama, sendo o obxectivo dos mesmos instruílos na práctica da autocompostaxe.
En Santa Comba serán medio cento de familias as que están convidadas a asistir a esta formación, que terá lugar mañá, 22 de xullo, ás 11:00 horas, no Auditorio do Edificio Multiusos.
No caso de Fene, prevese a participación dunha trintena de veciños, que deben acudir á Casa da Cultura o venres 23, ás 11:00 horas.
Pola súa banda, Malpica, con motivo da ampliación do seu programa a 25 novos fogares, sumando un total de 65, recibirá a formación o sábado 24, tamén ás 11:00 horas, no Centro Social de Seaia.
A finalidade destas xornadas é explicar a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade, facendo un percorrido polas distintas fases do proceso: desde a propia localización do composteiro ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, e a vixilancia de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, constitúe unha excelente ocasión para que os veciños poidan reforzar os seus coñecementos na autoxestión da materia orgánica e despexar dúbidas.
Máis información en www.compostaconsogama.gal