- Así o manifestou José María Fernández González, xerente de PROMA, Proxectos de Enxeñería Ambiental, quen lamentou que aínda en España se estea a levar a vertedoiro preto do 60% dos residuos domiciliarios.
- Considera que as comunidades do norte, como é o caso de Galicia, que adoptaron a Directiva Marco de Residuos e priorizaron a valorización enerxética da fracción non reciclable sobre o vertido, avanzarán a un ritmo máis vantaxoso que o resto cara a consecución dos obxectivos do novo paquete de directivas sobre economía circular.
- Xa a nivel global, sinalou que os datos que manexa a comunidade científica, medibles e, polo tanto, incuestionables, evidencian que os gases de efecto invernadoiro son os verdadeiros responsables da crise climática.
- Así mesmo, considera que o modelo de desenvolvemento precisa dun cambio de paradigma e que deben ser os cidadáns os que, dalgún xeito, presionen para que se aborden os cambios lexislativos necesarios.
Cerceda, a 17 de decembro de 2019.- Nunha entrevista concedida a EsRadio, o xerente de PROMA, Proxectos de Enxeñería Ambiental, José María Fernández González, manifestou que, se ben pode haber distintas teorías, opinións e sensibilidades en torno ao cambio climático, o certo é que no último informe de Nacións Unidas dise claramente que a humanidade bateu o récord de concentración de partículas de CO2 na atmosfera, un dato incontestable aínda por parte dos máis escépticos. Unha afirmación que, subliñou, non é baladí, senón que está apoiada por datos medibles e, polo tanto, incuestionables. Ao respecto, engadiu que os polos estanse a derreter como nunca sucedera antes e a comunidade científica está de acordo en que, por primeira vez, o ser humano está influíndo no clima. Neste contexto, Fernández asegura, sen paliativos, que “os gases de efecto invernadoiro, procedentes da utilización de combustibles de orixe fósil, son os verdadeiros responsables da crise climática”.
Aínda que poida asustar o feito de que se estea a falar de crise climática, xa que moitas veces este é o argumento do que dispoñen os científicos para facerse oír, o certo é que algúns expertos falan de que o punto de non retorno xa está preto.
Neste escenario, tal e como apuntou o xerente de PROMA, faise necesario e imprescindible tomar medidas. E como exemplo puxo o buraco da capa ozono, que fai dúas décadas atopábase nunha situación crítica e que, grazas a que se deixaron de emitir gases CFC que lle afectaban, conseguiu reverterse e recuperarse. Un episodio que abre a porta á esperanza no caso do cambio climático. “Se imos abandonando os combustibles fósiles, poderemos ter outro futuro”.
Non obstante, e dado que o clima é global, lamentou o posicionamento dalgúns países, cunha visión negacionista, moi individualista e pouco solidaria, como é o caso de Estados Unidos, que non asinou o Acordo de París.
TRANSPORTE E ENERXÍA: CARA AO CAMBIO
No caso de España, sinalou o transporte, público e privado, como o maior xerador de gases de efecto invernadoiro. Neste sentido preguntouse se, a nivel particular, estamos dispostos a cambiar algúns hábitos moi arraigados como son os continuos desprazamentos en coche, incluso en distancias curtas. Avogou por un cambio no sector enerxético que, ao seu xuízo, deben liderar os grandes produtores para garantir esa transición cara a unha enerxía máis limpa.
En canto á enerxía nuclear, sinalou que o seu principal problema son os residuos nucleares, que deben ser custodiados durante moitísimos anos, dado o seu carácter perigoso, circunstancia que trae aparexado un custo que acaba socializándose. Non obstante, considera que non hai que demonizar este tipo de enerxía e si tela no punto de mira por se as outras fallan.
A CORRECTA XESTIÓN DOS RESIDUOS: ASIGNATURA PENDENTE
Respecto á tan manida economía circular en Europa, considera que se precisa un cambio de paradigma e que, finalmente, deben ser os cidadáns os que dalgún xeito presionen para que se aborden cambios lexislativos como son os que afectan, por exemplo, á obsolescencia programada. Abandonar a economía lineal, definida polas malas prácticas de usar e tirar, e avanzar cara a unha circular, precisa de cambios substanciais nos que a poboación pode desempeñar un importante papel.
A xestión sostible dos residuos é tamén para Fernández González, unha das grandes materias pendentes de España, toda vez que aínda se segue a depositar en vertedoiro preto do 60% dos refugallos.
Considera que comunidades do norte de España, como é o caso de Galicia, que adoptaron a Directiva Marco de Residuos e priorizaron a valorización enerxética da fracción non reciclable sobre o vertido, avanzarán a un ritmo máis vantaxoso que o resto. A razón é obvia: “Os vertedoiros incontrolados emiten metano, gas moito máis contaminante que o CO2”.
Reseña curricular e profesional de José María Fernández González
Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, Diploma de Estudos Avanzados pola Universidade de Granada e MBA pola UNED, aporta 20 anos de experiencia como profesional do sector da enxeñería civil e a consultoría. É especialista en enxeñería ambiental, campo no que actualmente desenvolve a súa actividade a través da Spin-Off da Universidade de Granada, Proma, Proxectos de Enxeñería Ambiental; empresa dedicada á asistencia técnica, asesoramento, investigación e desenvolvemento e aplicación de resultados no ámbito da enxeñería dos servizos urbanos e as Smart Cities.
Forma parte do Comité de Normalización sobre Economía Circular e do Comité Técnico do Congreso Internacional de ISWA 2019, é autor de diferentes artigos e publicacións relacionadas co aproveitamento enerxético dos residuos municipais, sendo gran coñecedor das tecnoloxías Waste to Energy e a súa importancia na implementación da economía circular.