- Terá lugar mañá, xoves, ás 18:00 horas, no Edificio Multiusos municipal.
- Será impartido por un técnico de Sogama co obxectivo de explicar aos asistentes o proceso de autocompostaxe para obter un abono natural de alta calidade a partir da materia orgánica.
- A día de hoxe, a empresa pública subministrou ao Concello de Padrón un total de 90 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Cerceda, a 15 de setembro de 2021.- O Concello de Padrón (A Coruña), adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama desde hai meses, acollerá mañá, xoves, 16 de setembro, o segundo curso de formación sobre esta temática, que impartirá un técnico desta empresa pública (o primeiro celebrouse, con gran éxito, o pasado mes de marzo).
A actividade terá lugar, ás 18:00 horas, no Edificio Multiusos, e estará orientada aos veciños que, voluntariamente, decidiron participar nesta segunda fase da iniciativa.
O obxectivo é instruílos no proceso a seguir nas súas casas para obter un compost de alta calidade a partir da materia orgánica. Para isto recibirán un composteiro, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, no que irán depositando os restos orgánicos para que fermenten, debendo controlar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Deste xeito, detallarase toda a operativa a seguir: desde a propia localización do recipiente, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben –e non deben- depositarse nos mesmos.
É por isto que os voluntarios deben residir nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, un abono natural de alta calidade que achega nutrientes ao solo e que tamén o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Xunto co composteiro, os usuarios recibirán un manual didáctico de apoio no que se relata a operativa, servindo a charla para abundar en determinadas cuestións de interese, solventar dúbidas e recoller propostas dos asistentes.
Así mesmo, os cidadáns poden complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde atoparán recursos divulgativos e lúdicos de interese.
Padrón conta xa con 90 composteiros cedidos por Sogama
Saúdos, Departamento de Comunicación