- Desta forma, xa son 120 as familias adscritas a esta iniciativa, que ten por obxecto poñer en valor a materia orgánica
- Sogama enviou ao ente local a correspondente partida de composteiros, así como os manuais didácticos de apoio
- En data a acordar polas partes, educadores ao servizo da empresa pública impartirán neste municipio coruñés un curso de formación a fin de explicar aos novos usuarios a operativa a seguir
Cerceda, a 16 de decembro de 2021.- O Concello de Padrón (A Coruña) amplía de novo o seu programa de compostaxe doméstica e incorpora a outras 30 vivendas, facendo un total de 120 as familias adscritas ao mesmo.
Sogama xa enviou ao ente local a correspondente partida de composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como os manuais didácticos de apoio, que servirán aos participantes de guía para obter un compost de alta calidade e como instrumento de consulta co que resolver as dúbidas máis frecuentes.
En data a acordar polas partes, educadores ao servizo da empresa pública impartirán neste municipio coruñés un curso de formación a fin de explicar aos novos usuarios a operativa a seguir e as distintas fases polas que debe discorrer o proceso: desde a propia colocación do composteorp, que debe estar en contacto directo coa terra, ata a relación de materiais que poden e non poden introducirse no mesmo, e o control de parámetros de gran relevancia pola súa repercusión no resultado final, isto é, osíxeno, humidade e temperatura.
Ademais, durante esta xornada, os veciños participantes terán a oportunidade de trasladar todas as cuestións que non lles quedaron claras, pero non unicamente sobre a autocompostaxe, senón tamén sobre os contedores de recollida selectiva.
Adicionalmente, teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal poderán reforzar os seus coñecementos na valorización da materia orgánica in situ, unha práctica que contribuirá ao aforro de custos ambientais e económicos.
Saúdos, Departamento de Comunicación