- A empresa pública entregará a este municipio 30 composteiros para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo.
- Con esta iniciativa, o ente local pretende lograr importantes beneficios ambientais e económicos ao posibilitar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e evitar o seu depósito no contedor verde convencional.
Cerceda, a 4 de marzo de 2021.- O Concello de Padrón (A Coruña) adscribiuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de que os fogares participantes no mesmo poidan poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, protexéndoo mesmo fronte a pragas e enfermidades.
Sogama entregará ao ente local, e de forma gratuíta, 30 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, horta ou terras de cultivo. Así mesmo, proporcionará igual número de manuais didácticos de apoio nos que se explica de forma detallada a operativa e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e /ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Dado que a fracción orgánica representa aproximadamente o 42% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, ao reciclala en orixe evítase o seu depósito no contedor verde convencional, co conseguinte aforro ambiental e económico para o Concello.
A día de hoxe, un total de 362 entidades galegas (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 15.000 compostadores.
No caso da provincia da Coruña, distribuíronse máis de 3.400 recipientes entre 82 entidades.
Para os usuarios e interesados, a compañía habilitou no seu momento unha páxina web www.compostaconsogama.gal a través da cal proporciona información sobre esta iniciativa, así como recursos didácticos, divulgativos e lúdicos para que os cidadáns poidan coñecer de forma máis pormenorizada o proceso de autocompostaxe, apliquen correctamente a técnica e obteñan un abono de alta calidade que cumpra os requisitos esixidos pola normativa vixente.
Saúdos, Departamento de Comunicación