- Así o manifestou Antonio Orrego Durán, experto en medio ambiente e un dos profesionais máis destacados no ámbito da xestión sostible dos residuos polo seu amplo coñecemento e dilatada experiencia.
- Nunha entrevista recollida no último número da Newsletter de Sogama, recoñeceu o magnífico labor do sector dos residuos durante o estado de alarma, evidenciando, máis que nunca, o seu carácter de servizo público esencial.
- Igualmente, enxalzou o traballo das plantas de valorización enerxética, das que incluso se botou man para tratar, nas mellores condicións, residuos sanitarios.
- Aplaude que comunidades tales como Galicia, País Vasco, Mallorca, Cataluña, Madrid, Melilla e Cantabria, onde si dispoñen de plantas de valorización enerxética, as cousas se fixeran como en calquera país da UE concienciado coa protección do medio ambiente.
- A pesar de que a normativa relega o vertedoiro ao chanzo máis baixo na xestión xerarquizada de residuos, España, con só 11 plantas de valorización enerxética, mantívose como o país europeo que máis toneladas totais de residuos tira ao vertedoiro.
Cerceda, a 10 de xullo de 2020.- Nunha entrevista recollida no último número da Newsletter de Sogama, onde se repasa a actividade desta empresa pública durante os momentos máis críticos da crise do COVID-19, Antonio Orrego Durán, un dos profesionais máis destacados do sector polo seu amplo coñecemento e dilatada experiencia, reflexiona sobre o papel que xogou a recollida e o tratamento dos residuos no marco do estado de alarma, xa que, se ben xa era considerado un servizo esencial, durante a crise sanitaria quedou máis patente que nunca.
Defendeu a extraordinaria tarefa das empresas públicas e privadas que traballan no ámbito dos residuos, xa que, con independencia da súa condición, todas elas levan “gravado no seu ADN a vontade de servizo público” e o seu alto grao de profesionalidade.
En todo o desconcerto que xerou a pandemia, enxalzou o labor das plantas de valorización enerxética que hai en España (11 en total) ao poder tratar nas mesmas a parte non reciclable dos residuos, evitando o seu transporte a outros destinos e conseguindo, mediante a combustión a altas temperaturas, a eliminación de contaminantes e a posta en valor a través da súa conversión en enerxía eléctrica; e, nalgún caso, como Barcelona e Mataró, mediante a subministración de vapor a un District Heating.
Orrego Durán tamén fixo unha lectura sobre a xeración e características dos residuos durante a fase de confinamento no noso país. Se ben durante o primeiro período houbo unha forte caída na xeración de refugallos, acentuada nos municipios con intensa actividade turística e comercial, como é o caso de Madrid e Barcelona, o certo é que, no resto, esta caída foi máis liviá, véndose compensada a inactividade comercial cunha produción máis intensiva do lixo nos fogares, similar á que ten lugar durante os fins de semana e festivos.
A produción de residuos de envases creceu entre un 20 e un 30% debido ao consumo propio de provisión ante a corentena. Sen embargo, no caso do papel/cartón non pode dicirse o mesmo debido ao peche dos comercios, aínda que a colaboración cidadá mantívose igualmente.
Deslizou que, o que poida pasar a partir de agora é imprevisible debido a que estamos ante unha crise sen precedentes, pero todo apunta a que tamén poderemos ler a través dos residuos as consecuencias económicas do COVID-19.
VALORIZACIÓN ENERXÉTICA ANTES QUE VERTIDO
Ante o incremento exponencial da xeración de residuos sanitarios e a falta de capacidade das instalacións que viñan procesándoos, recorreuse ás plantas de valorización enerxética para complementar este labor, xa que só estas poden garantir a destrución de elementos sanitarios de baixo risco tales como luvas, batas, máscaras e asimilables.
Indicou que en Europa hai máis de 500 plantas de valorización enerxética, considerándose o tratamento máis axeitado para os refugallos non reciclables. Entristécelle pensar que, en España, con só 11 plantas destas características, unha alta porcentaxe de residuos sanitarios contaminados por coronavirus tiveran rematado en vertedoiros de 10 comunidades.
Pola súa banda, en comunidades tales como Galicia, País Vasco, Mallorca, Cataluña, Madrid, Melilla e Cantabria, onde si dispoñen de plantas de valorización enerxética, “as cousas fixéronse como en calquera país da UE concienciado coa protección do medio ambiente”.
Abundou tamén Orrego en que o papel preponderante da valorización enerxética sobre o vertido está escrito na normativa europea, aludindo a estas plantas como “instalacións que garanten a posta en valor dos materiais mediante a produción de enerxía cando finaliza a vida útil destes e non poden ser reciclados”.
ECONOMÍA CIRCULAR NON SIGNIFICA “TINGUIR DE VERDE”
Respecto da economía circular, asómbralle que un concepto que emerxeu nos anos 70, se visualice como algo novidoso e que este se vexa reducido a calquera acción medioambiental por insignificante que pareza, tinguíndoa de “verde”.
A economía circular, a xuízo de Orrego, é unha cuestión de “supervivencia xeopolítica pola necesidade de tender a ser autosuficientes en recursos e non tan dependentes de terceiros en servizos e subministracións”, ao que engadiu que “o termo estase a converter nun tema manido que perde a súa esencia, xa que para poder aplicar un modelo económico que garanta a durabilidade dos nosos recursos, deberiamos comezar por ter sistemas de recollidas e plantas de valorización que eviten que estes acaben en vertedoiros”
Malia que a Directiva Marco de residuos desterra en 2008 aos vertedoiros ao máis baixo chanzo da xerarquía, España mantívose como o país europeo que máis toneladas totais de lixo tira ao vertedoiro e cunha nula oposición dos mesmos colectivos que cuestionan a construción de calquera outro tipo de infraestrutura medioambiental. Para poñer fin a esta situación, ademais de levar a cabo outras actuacións, España, asegurou Antonio Orrego, requiriría, por distribución xeográfica, “dobrar como mínimo o parque actual de plantas de valorización enerxética”.
Reseña curricular de Antonio Orrego Durán
Iniciou a súa carreira profesional en 1984,no ámbito do Desenvolvemento e Xestión de Proxectos e Servizos Medioambientais.
Especializado en xestión de Residuos Municipais e Industriais desempeñou o seu labor nas áreas de Desenvolvemento e Explotación para Grupo Hera-Tratesa, Veolia, Urbaser e na actualidade, desde o ano 2009, en Valoriza Servizos Medioambientais, estando encadrado no equipo directivo da UTE Tractaments Ecològics do Maresme, xestora do Centro Integral de Valorización de Residuos do Maresme.
É membro da Xunta Directiva da Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente (ATEGRUS), Vogal na Asociación Catalá de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Sólidos Urbanos (ACEVERSU) e membro do Comité Executivo do Congreso Recuwaste. Entre os anos 2012 e 2020 foi Vicepresidente da Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Sólidos Urbanos (AEVERSU).