- A previsión é que, durante os meses de decembro e xaneiro, se recollan 900.000.000 quilos para a súa reciclaxe, un 20% do recollido en todo o ano.
- Diversos estudos vaticinan un crecemento das compras como consecuencia do aforro das familias, que se disparou co COVID-19, augurando que o volume de gasto se achegue ou mesmo supere ao do Nadal prepandemia.
- A taxa de reciclaxe de papel e cartón en España situarase en 2021 por riba do 78%, revalidando a nosa posición como segundo país máis reciclador da UE en volume, superado só por Alemaña.
Cerceda, a 10 de decembro de 2021.- En liña coas previsións de crecemento do consumo do Nadal, ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón) espera que, para estas Festas, o volume de recollida de papel para reciclar sexa similar ao de 2019.
A previsión é que, durante os meses de decembro e xaneiro, se recollan 900.000.000 quilos de papel e cartón para a súa reciclaxe, un 20% do recollido en todo o ano. Estes datos inclúen a recollida selectiva municipal a través do contedor azul, porta a porta e puntos limpos, ademais das propias dos operadores privados en grandes superficies de distribución, imprentas, industrias, etc.
Diversos estudos sobre o consumo do Nadal vaticinan un crecemento das compras como consecuencia do aforro das familias, que se disparou co COVID-19, e agárdase un volume de gasto que se achegue ou mesmo supere ao do nadal prepandemia de 2019. Outra tendencia reflectida nestes estudos é o atraso de parte das compras ás rebaixas de xaneiro por medo á inflación crecente.
PAUTAS PARA COLABORAR NA RECICLAXE DE PAPEL/CARTÓN
A época do Nadal é momento de celebracións e agasallos, e tamén de reciclaxe. Para unha reciclaxe de calidade, e a fin de evitar que os contedores azuis se colapsen, axudando a manter as rúas limpas, ASPAPEL propón cinco consellos para colaborar coa reciclaxe de papel e cartón.
1. Se é papel ou cartón, ao contedor azul. Estes materiais son 100% reciclables.
2. Só papel. Non introduzas no contedor azul outros materiais tales como bolsas de plástico, cordas, roupa, xoguetes…, pois dificultan a reciclaxe.
3. Lembra encartar as caixas antes de introducilas no contedor para que non ocupen máis espazo do necesario.
4. Tenta evitar os días punta, é dicir, festivos de Nadal, Aninovo e Reis. Se che resulta posible, almacena na casa o cartón e o papel do Nadal, e deposítao no contedor azul un ou dous días despois.
5. Reciclaxe garantida; o teu esforzo compensa. A industria papeleira española é a segunda máis recicladora de Europa e por iso pode garantir a reciclaxe de todo o papel que se recolle conforme aos estándares europeos de calidade.
De acordo cos datos de ASPAPEL, esta industria, referente en economía circular, prevé reciclar en 2021 máis de 5.300.000.000 quilos de papel usado. A taxa de reciclaxe (papel que se recicla como materia prima nas fábricas papeleiras sobre o consumo total de papel e cartón) situarase este ano por riba do 78%, revalidando a posición de España como segundo país máis reciclador da UE en volume, superado só por Alemaña.
Desde ASPAPEL lémbrase a importancia de apostar por unha recollida selectiva de calidade que permita o posterior reciclado deste materiis nas fábricas de papel e convídase a todos os cidadáns a celebrar un Nadal reciclador, un Nadal azul.
Fonte e imaxe: ASPAPEL