- A Sociedade pretende así impulsar a redución de residuos e chamar a atención sobre as inxentes cantidades de alimentos que desperdiciamos cada día por falta de planificación e un mal aproveitamento dos mesmos.
- Para desenvolver esta iniciativa contou no seu momento coa participación e asesoramento da Escola de Hostalería “Belarmino Fernández Igresias” de Sober (Lugo), cuxos alumnos son os autores de máis de 40 receitas deseñadas exclusivamente para este fin.
- A publicación inclúe tamén unha gran variedade de trucos para a mellor conservación dos alimentos e consellos sobre boas prácticas ambientais na cociña.
Cerceda, a 5 de agosto de 2020- Para repañar o prato!, así reza o título da publicación editada por Sogama no seu momento e na que aglutina receitas de cociña a partir de sobras de comida, pretendendo con isto impulsar a redución de residuos e chamar a atención sobre as inxentes cantidades de alimentos que desperdiciamos cada día por falta de planificación e un mal aproveitamento dos mesmos.
Para desenvolver esta iniciativa contou coa participación e asesoramento do equipo de profesionais da Escola de Hostalería “Belarmino Fernández Iglesias” de Sober (Lugo), quen, en colaboración cos seus alumnos, son os autores de máis de 40 receitas deseñadas exclusivamente para este fin.
A publicación está formada por suculentos entrantes, que van desde a ensalada de polbo con tomates secos ata as fabas con ameixas e os ñoquis de pataca con tenreira.
No apartado de peixes, as hamburguesas e albóndegas de peixe con patacas e arroz pilaw respectivamente, constitúen, entre outras, algunhas das alternativas a ter en conta, e para os amantes das carnes, as opcións poden ir desde o pastel mousaka ata a tenreira Strogonoff, cordón blue de redondo asado ou polo villaroy con tallarines de cabaza.
Os larpeiros contan cunha gran variedade de sobremesas tales como xeado fritido con froitos secos e sopa de iogur, plátano estofado e puding de bolería.
Descarga dixital http://www.sogama.gal/sites/default/files/publicacion/2011/04/2619_para-repanar-ou-prato.pdf
TRUCOS, CONSELLOS E CONSUMO RESPONSABLE
O receitario inclúe tamén unha gran variedade de trucos para a mellor conservación dos alimentos e consellos sobre boas prácticas ambientais na cociña; xestos cos que, ademais de protexer a nosa contorna, permítennos aforrar na cesta da compra.
O libro conclúe cunha serie de recomendacións e directrices para un consumo responsable, insistindo en hábitos tales como facer unha lista previa do que realmente se necesite, intentar adquirir produtos que veñan o menos envasados e embalados posible, utilizar o carro da compra ou unha bolsa de tea ou lona, rexeitar as bolsas plásticas de usar e tirar, priorizar os artigos reutilizables, evitar os consumibles tales como froitas, carnes e verduras envasados en bandexas de plástico, priorizar as compras a granel, optar por envases familiares, grandes e retornables, avaliar a calidade e durabilidade dos artigos, así como os residuos que xeran as diferentes formas de comercialización dos mesmos e, por suposto, ter en conta a data de caducidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación