- O colectivo estaba integrado por veciños dos Concellos de Cerceda, Tordoia, Carral, Laracha e Ordes, algúns dos xales xa traballaran en contornas industriais
Cerceda, a 2 de abril de 2024.- Alumnado dun curso de xestión de residuos promovido polo Viveiro de Empresas de Cerceda e enmarcado nun proxecto de formación organizado polo Instituto de Transición Xusta, visitou no día de hoxe o Complexo Medioambiental de Sogama como actividade práctica coa que complementar os seus coñecementos na materia.
Os integrantes do colectivo, pertencentes aos Concellos de Cerceda, Tordoia, Carral, Laracha e Ordes, tiveron oportunidade de realizar un percorrido virtual 360º polo interior das distintas instalacións que conforman o complexo industrial cercedense a fin de coñecer os detalles da súa operativa.
Este itinerario foi reforzado cun específico a pé no que puideron ver en primeira persoa o funcionamento das plantas polas que discorren os residuos para ser tratados. É o caso da planta de clasificación, onde se separan por tipoloxías os envases de plástico, as latas e os briks procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo para enviar posteriormente aos centros recicladores, así como as plantas de recuperación de materiais e elaboración de combustible, que permiten seleccionar, do lixo en masa, a parte reciclable, que se remite á industria transformadora, acondicionando coa non reciclable un combustible CDR que alimenta as caldeiras da planta termoeléctrica para a xeración de electricidade. Esta enerxía, renovable nun 50%, é suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Finalizado o circuito guiado, organizouse un coloquio para posibilitar que os visitantes puidesen trasladar os seus comentarios, observacións e dúbidas. Mostraron gran interese en coñecer as medidas de seguridade, así como os controis ambientais que se levan a cabo na infraestrutura de Sogama. Algúns deles xa traballaran en contornas industriais, polo que estaban moi familiarizados cos procesos.
Saúdos, Departamento de Comunicación