- Estes colectivos, integrados por escolares comprometidos coa protección da contorna, dedican parte do seu tempo a velar polo bo estado das aulas, do patio e dos distintos recunchos do recinto escolar, levando a cabo igualmente unha tarefa formativa e de concienciación dirixida a os seus compañeiros.
- Coñecidos tamén como Patrullas do Lixo, Brigadas Ecolóxicas, Ecopatrullas, Eco-comprometidos e Equipos Ecolóxicos, estenden en moitos casos o seu plan de acción máis aló da escola, chegando coas súas mensaxes a outros grupos sociais.
- Son a alma do programa “Recíclate con Sogama”, no que participan durante a presente edición 25 colexios de primaria de toda Galicia a fin de incorporar a sostibilidade ás aulas.
- O seu traballo foi desgranado durante a recente visita de seguimento que realizaron a todos os centros os educadores de Sogama. A próxima, e última, será en maio, e na mesma analizarase a calidade dos residuos depositados nos contedores que conforman as illas de reciclaxe.
Cerceda, a 10 de abril de 2019.- En días pasados, os educadores vinculados ao programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, concluíron a segunda visita de seguimento aos 25 centros de primaria de toda Galicia que participan durante o presente curso académico nesta iniciativa.
No transcurso das reunións mantidas cos coordinadores dos distintos colexios, puideron comprobar o traballo exemplar desenvolvido por todos eles, a plena dedicación e, sobre todo, a ilusión posta cada día no proceso de mellora ambiental que decidiron levar a cabo en cada centro e que vai máis aló da aplicación práctica da redución, a reutilización e a reciclaxe, sendo tamén a limpeza, a orde e a boa convivencia tres prioridades que guían de forma cotiá o labor e o esforzo destes colexios.
E nesta tarefa desempeñan un papel fundamental as chamadas “Patrullas Verdes”, conformadas por alumnos/as voluntarios que se dedican a vixiar de forma permanente o bo estado das aulas, do patio e dos distintos recunchos do recinto escolar, levando a cabo igualmente unha tarefa formativa e de concienciación dirixida aos seus compañeiros a fin de que os residuos, non só non acaben no chan, senón que se depositen de forma diferenciada en cada un dos contedores que conforman as illas de reciclaxe subministradas no seu momento por Sogama.
A denominación destes colectivos especialmente sensibilizados coa ecoloxía son diversos: Patrullas Verdes, Patrullas do Lixo, Brigadas Ecolóxicas, Ecopatrullas, Eco-comprometidos e Equipos Ecolóxicos. Distintos nomes, pero coa mesma función: velar pola protección da contorna e procurar que todo o alumnado se implique nesta tarefa; unha tarefa que tamén pretenden estender aos seus fogares e ámbito social máis inmediato, clamando por un maior respecto ambiental e intentando convencer aos demais de que un futuro mellor é posible.
O consumo responsable, esencial para producir menos residuos, constitúe unha das temáticas que se traballan con máis intensidade nestes centros, conscientes de que o éxito da correcta xestión dos residuos reside precisamente en xerar menos e en aproveitar ao máximo os produtos.
Os colexios participantes na que xa é a sétima edición do programa “Recíclate con Sogama” adéntranse con estusiasmo e grandes expectativas na última fase. Será o próximo mes de maio cando reciban unha nova visita dos educadores ao servizo desta empresa pública. Esta vez para supervisar os proxectos e comprobar a calidade dos materiais depositados nos distintos contedores integrados nas illas de reciclaxe a través das correspondentes caracterizacións.
PROGRAMA AO SERVIZO DA EDUCACIÓN AMBIENTAL
Recíclate con Sogama é un programa de educación ambiental que ten por obxecto introducir a reciclaxe e a sostibilidade nas aulas. Os centros participantes en cada edición levan a cabo os seus propios proxectos coa axuda desta compañía pública, encargada de proporcionar os medios materiais, didácticos e lúdicos, impartir a formación e facer visitas de seguimento para axudar a que o medio ambiente pase a formar parte do currículum de cada colexio integrándose en todas e cada unha das súas iniciativas e actividades.
Saúdos, Departamento de Comunicación