- Na súa mensaxe para o novo ano que acaba de comezar, António Guterres, Secretario Xeral da ONU, manifestou que a procura da paz na convivencia e coa natureza, debe guiar as accións de todas as persoas
Cerceda, a 2 de xaneiro de 2023.- Na súa mensaxe para o novo ano que acaba de comezar, o Secretario Xeral da ONU (Nacións Unidas), António Guterres, manifestou que 2023 será un período no que o mundo necesite máis paz que nunca, polo que considera que a procura da paz debe guiar as accións de todas as persoas.
Nunha videomensaxe, lembrou que, en 2022, millóns de persoas víronse obrigadas a cambiar as súas vidas debido a conflitos, pobreza e calamidades relacionadas co clima.
“Globalmente, cen millóns de persoas tivéronse que desprazar fuxindo de guerras, incendios, secas, pobreza e fame. De Ucraína a Afganistán, pasando pola República Democrática do Congo e máis aló, moitos se viron obrigados a abandonar as ruínas dos seus fogares e medios de vida en busca de algo mellor”, subliñou.
Considera que estes tristes escenarios fan máis necesaria que nunca a paz: “Paz na convivencia, dialogando para poñer fin aos conflitos, e Paz coa natureza e co noso clima, para construír un mundo máis sostible”. Guterres tamén pediu paz para que as mulleres e nenas vivan con dignidade, para que todas as persoas gocen en pleno dos seus dereitos humanos, para acabar cos abusos e os discursos de odio.
“Xuntos, fagamos que 2023 sexa un ano no que a paz volva ás nosas vidas, os nosos fogares e o noso mundo”, concluíu o Secretario Xeral.
Fonte e imaxe: ONU