- Así o expresou o Director Xeral de Sogama, Isidro García Téllez, durante a súa intervención na conferencia final do proxecto de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, no que esta empresa pública participou en calidade de socio.
- Ademais de repasar o traballo aportado pola compañía a esta iniciativa, García Téllez abundou nos proxectos de recuperación da materia orgánica promovidos por Sogama, toda vez que construirá e xestionará 3 novas plantas públicas de tratamento de biorresiduos nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense.
- O obxectivo deste macroproxecto é propiciar que a recuperación da materia orgánica se estenda a toda a comunidade.
Cerceda, a 14 de decembro de 2020.- O Director Xeral de Sogama, Isidro García Téllez, interveu o pasado día 10 na conferencia final do proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal “Res2ValHum”, onde expuxo o traballo desenvolvido por esta empresa pública, que participou, en calidade de socio, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a firma CVAN, por parte de Galicia, ademais de Lipor, Braval e CVR por parte de Portugal, actuando como líder a Universidade do Minho (Braga).
García Téllez repasou as principais accións e contribucións de Sogama a este proxecto, destacando, ademais das propias achegas técnicas no ámbito da valorización da materia orgánica, a elaboración de distintos materiais didácticos e divulgativos tales como un manual de compostaxe, xogos online, vídeos, contidos online, etc, así como a distribución de preto de 600 composteiros entre diferentes concellos e colectivos, como é o caso dos 100 operadores adscritos ao CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia)
COMPOSTAXE INDUSTRIAL E DOMÉSTICA
Baixo o título “Pechando o círculo da xestión dos biorresiduos no modelo Sogama”, Isidro García explicou o labor desenvolvido por esta empresa pública no tratamento da materia orgánica, tanto a través da compostaxe industrial como doméstica.
Respecto á primeira, indicou que a planta de compostaxe de Sogama en Cerceda está operando desde fai meses e dá servizo a varios dos municipios limítrofes que implantaron a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón.
Así mesmo, avanzou que a Sociedade abordará a construción e xestión de tres novas plantas de biorresiduos que se ubicarán nas outras tres provincias galegas (Pontevedra, Lugo e Ourense) a fin de complementar as plantas de compostaxe actuais e futuras (tanto públicas como privadas). Desta forma, a Sociedade Galega do Medio Ambiente contribuirá a que a reciclaxe da materia orgánica, que terá carácter obrigatorio para os municipios a finais do ano 2023, chegue a todo o territorio galego e que a comunidade poida dar debido cumprimento aos obxectivos europeos na xestión sostible dos residuos.
O directivo da compañía aproveitou a ocasión para dar unhas pinceladas sobre o programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama e ao que están adscritas 357 entidades (202 concellos, 133 centros educativos e 22 colectivos sociais), entre as que distribuíu de forma gratuita da orde de 14.500 composteiros (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables), ademais de impartir a formación correspondente e aportar distintos materiais divulgativos de apoio.
SOBRE RES2VALHUM
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o espírito de Res2ValHum reside fundamentalmente na promoción do compostaxe da materia orgánica e, máis específicamente, na colaboración entre dúas rexións (Galicia e Norte de Portugal) con estreitos lazos históricos, culturais, sociais e tamén medioambientais, para optimizar a xestión dos residuos a ambos os dous lados da fronteira.
Saúdos, Departamento de Comunicación