- Hoxe conmemórase o Día Mundial da Bicicleta, unha xornada centrada en destacar os seus beneficios ao tratarse dun medio de transporte simple, limpo, asequible, saudable e ambientalmente sostible
Cerceda, a 3 de xuño de 2024.- Hoxe conmemórase o Día Mundial da Bicicleta, unha xornada coa que se pretende chamar a atención sobre os seus beneficios ao tratarse dun medio de transporte simple, limpo, asequible, saudable e ambientalmente sostible.
A bicicleta contribúe a un aire máis limpo e fai que a educación, a atención da saúde e outros servizos sociais sexan máis accesibles para as poboacións vulnerables, coa particularidade de que camiñar ou ir en bicicleta, en lugar de conducir, reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro e supón un beneficio para a saúde e a forma física.
Un sistema de transporte sostible, como é a bicicleta, que promova o crecemento económico, reduza as desigualdades e reforce a loita contra o cambio climático é fundamental para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), ofrecer unha infraestrutura segura para as actividades físicas, como andar en bicicleta, é o camiño para acadar unha maior equidade en materia de saúde.
Para os sectores urbanos máis pobres, que non poden permitirse vehículos propios, ir a pé ou en bicicleta pódese converter no seu medio de transporte. Ao mesmo tempo poden reducir o risco de contraer enfermidades, polo que a mellora do transporte activo (camiñar, montar en bicicleta ou usar o transporte público) non é, polo tanto, só unha cuestión de saúde, pode supoñer tamén unha maior equidade e eficacia en canto aos custos.
En consecuencia, satisfacer as necesidades de ciclistas e peóns segue sendo, crucial para solucionar os problemas de mobilidade das cidades, para mitigar o aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro debido ao crecemento da poboación e para mellorar a calidade do aire e a seguridade viaria.
Fonte: ONU