- Promovida e organizada pola Sociedade Antioqueña de Enxeñeiros e Arquitectos, terá lugar entre o 2 e o 4 de decembro.
- O Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medioambiente de Sogama explicará como se leva a cabo o control de emisións en plantas de valorización enerxética que utilizan caldeiras de leito fluído circulante, como é o caso da xestionada por esta Sociedade.
- Dado que os residuos producidos en Latinoamérica e O Caribe acaban maioritariamente en recheos sanitarios que, en moitos casos, carecen de medidas de seguridade e ambientais, os expertos coinciden en sinalar que a valorización enerxética permitiría reducir o uso dos vertedoiros e, polo tanto,o seu impacto sobre a contorna e a saúde.
Cerceda, a 1 de decembro de 2020.- Promovida e organizada pola Sociedade Antioqueña de Enxeñeiros e Arquitectos, do 2 ao 4 de decembro celebrarase a III Conferencia Panamericana Waste to Energy na que participará Pedro Alcázar Arévalo, Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medioambiente de Sogama.
O representante desta empresa pública, en calidade de conferenciante maxistral, explicará como se leva a cabo o control de emisións en plantas de valorización enerxética que utilizan caldeiras de leito fluído circulante, como é o caso da xestionada por esta Sociedade. Estará acompañado por expertos de distintas entidades do sector ambiental e enerxético asentadas en España, Estados Unidos, Alemaña Chile e India, entre outros países.
Un estudo feito público pola Superintendencia de Servizos Públicos domiciliarios, axencia reguladora e supervisora do goberno de Colombia, sinala que os residuos xerados no país son dispostos en recheos sanitarios aos que cada ano chegan máis de 9 millóns de toneladas.
A VALORIZACIÓN ENERXÉTICA COMO ALTERNATIVA AO VERTEDOIRO
Así mesmo, o devandito documento indica que a capacidade destes vertedoiros é cada día menor, coa particularidade de que, na súa meirande parte, carecen de sistemas de tratamento e depuración de augas, así como de procesos cos que evitar, ou alomenos minimizar, a emisión de gases de efecto invernadoiro. Unha situación que é similar á doutros países de América Latina e O Caribe.
A xuízo dos expertos, faise necesario adoptar novas tecnoloxías que permitan o máximo aproveitamento dos refugallos, sendo as plantas de valorización enerxética (WTE) a mellor solución para reducir o uso dos vertedoiros e o seu impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
A día de hoxe operan máis de 800 plantas de Waste to Energy en 40 países, concentrándose nos máis avanzados e comprometidos co medio ambiente. Estas instalacións permiten xestionar os residuos non reciclables dunha forma eficiente, limpa e segura, á vez que propician a obtención de enerxía eléctrica e calor para abastecer ás comunidades máis próximas.
E, como exemplo, o caso de Sogama, que xera, a partir dos refugallos que non poden ser reciclados, a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
TEMÁTICAS A ABORDAR
O obxectivo desta Conferencia é servir como plataforma de transferencia de coñecementos aos municipios, ás entidades gobernamentais, aos operadores de vertedoiros, aos servizos de limpeza e ás empresas de xeración de enerxía eléctrica interesadas en coñecer alternativas para resolver a gran problemática de disposición final dos residuos en Colombia.
Entre as temáticas a abordar neste evento, cabería destacar as seguintes:
- Estrutura técnica, ambiental e financeira dos proxectos WTE
- Criterios de deseño e construción de plantas WTE en cidades grandes e medianas de Latinoamérica e O Caribe.
- Xestión intelixente dos residuos.
- Produción de biogás a partir da fracción orgánica dos residuos municipais.
- Aproveitamento enerxético a partir dos residuos.
- Tecnoloxías das plantas de separación e clasificación.
- Subprodutos e o seu mercado nos municipios de Latinoamérica e O Caribe.
- Innovacións técnicas e de procesos en proxectos WTE.
- Produción de combustibles a partir dos residuos municipais.
- Recuperación de materiais reciclables nas plantas WTE.Investigacións e estudos relacionados coa recuperación de enerxía a partir de residuos, técnicas de transformación e cos procesos, materiais e equipos utilizados.
- Regulacións e normas aplicables a WTE e asuntos relacionados.
Saúdos, Departamento de Comunicación