- O xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medioambiente de Sogama interveu, vía en liña, para falar da operativa de Sogama na clasificación das distintas fraccións de residuos plásticos conforme aos requisitos dos recicladores e dar a coñecer o papel desta empresa pública dentro dun SCRAP
- O evento contou tamén coas achegas de expertos doutros Estados tales como Malta, Lituania, Suecia e República Checa, os cales compartiron experiencias na materia cos seus homólogos libaneses a fin de axudalos a facer fronte á alta contaminación plástica no seu país
Cerceda, a 1 de xullo de 2024.- O xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medioambiente de Sogama, Pedro Alcázar Arévalo, participou, xunto a outros relatores de Malta, Lituania, Suecia e República Checa, nunha xornada sobre recuperación e reciclaxe de residuos plásticos que a Unión Europea organizou no Líbano, concretamente en Beirut, mediante o seu programa TAIEX de apoio a países veciños.
O representante de Sogama falou sobre a operativa industrial desta empresa pública na clasificación das distintas fraccións de residuos plásticos para cumprir cos requisitos establecidos polos centros recicladores, á vez que deu a coñecer o papel da compañía dentro dun Sistema de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP).
No Líbano, a xestión dos refugallos plásticos presenta grandes desafíos ao non dispoñer de infraestruturas axeitadas nin tampouco un número suficiente de centros recicladores, polo que a contaminación plástica vai en aumento, derivando nunha alta degradación ambiental e elevados riscos para a saúde pública.
Así, o obxectivo desta xornada-taller foi que expertos de distintos Estados membros da UE compartisen as mellores prácticas cos seus homólogos libaneses, poñendo o foco en mellorar a calidade das materias primas secundarias, aumentar a entrada de contido reciclado na fabricación de plástico e reforzar a competitividade dos recicladores.
E tamén que comprendesen e interiorizasen as exencións fiscais, así como as regulacións de exportación, recibindo orientación sobre o control de calidade, seguridade e inspección. En definitiva, que poidan dispoñer, desde o máximo cumprimento dos estándares ambientais e de calidade, da bagaxe necesaria para revalorizar os refugallos plásticos de maneira efectiva e involucrar aos actores locais.
Saúdos, Departamento de Comunicación