- Na iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia, participan a empresa ourensá Adolfo Domínguez e a pontevedresa Meifus Industrial.
- A primeira cederá máis 10.000 perchas de madeira obsoletas que, tras ser trituradas e mesturadas con polipropileno, transformaranse en 15.000 pantallas protectoras homologadas que serán doadas ao SERGAS e entidades sociais.
Cerceda, a 17 de abril de 2020.- As perchas de madeira obsoletas de Adolfo Domínguez servirán para fabricar pantallas protectoras fronte ao coronavirus.
O anuncio fíxoo esta semana a Xunta de Galicia trala reunión por videoconferencia que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo con representantes da empresa téxtil ourensá, así coma con responsables de Meifus Industrial, compañía ubicada en Mos (Pontevedra) que se encargará da reciclaxe deste material.
Adolfo Domínguez cederá ao CIS Madera máis de 10.000 perchas de madeira obsoletas que, tras ser trituradas e mesturadas con polipropileno, transformaranse en 15.000 pantallas protectoras homologadas de acordo cos criterios do Ministerio de Sanidade e serán doadas ao SERGAS e entidades sociais.
Tal e como sinalou Conde, este proxecto vén demostrar que a industria galega, a pesar do difícil momento que atravesa, está actuando desde o compromiso e a responsabilidade social, mostrando, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación para dar resposta á crise sanitaria e un exemplo de economía circular e de I+D+i solidario que mostra como coa valorización de recursos naturais pódese obter un produto de alto valor engadido.
Imaxe: Pixabay