- Os asistentes mostraron especial interese no contedor marrón, dado que xa está operativo no seu barrio, e trasladaron unha serie de consultas en torno ao uso do mesmo
- A empresa considera que a Cruz Vermella pode ser unha excelente axuda na divulgación de hábitos e comportamentos respectuosos co medio ambiente e a saúde pública, contribuíndo á economía circular
Cerceda, a 6 de novembro de 2023.- Voluntarios e membros da Cruz Vermella de Santiago de Compostela recibiron unha sesión formativa a cargo de educadores de Sogama na que se abordaron os pormenores da xestión sostible dos residuos municipais, incidindo na prevención e redución da produción dos mesmos, no maior aproveitamento dos produtos a través da reutilización e na contribución á reciclaxe mediante a correcta segregación dos refugallos en orixe e o seu posterior depósito nos distintos contedores de recollida selectiva.
Os asistentes mostraron especial interese no contedor marrón, dado que xa está operativo no seu barrio, e trasladaron unha serie de consultas en torno ao uso do mesmo. Igualmente, expuxeron dúbidas sobre o axeitado uso do contedor amarelo, destinado a acoller envases de plástico, latas e briks, e o iglú verde para botellas, frascos e tarros de vidro.
A fin de incrementar as taxas de reciclaxe, os monitores de Sogama incidiron especialmente na necesaria colaboración cidadá e na responsabilidade compartida para avanzar cara á economía circular, dada a necesidade de transformar os residuos en recursos para aforrar materias primas virxes, reducir custos e loitar contra o cambio climático.
Con estas sesións formativas presenciais, Sogama quere achegarse á poboación e transmitirlle, non só coñecemento e boas prácticas, senón tamén sensibilizala ao redor da crise climática á que todos debemos facer fronte cos medios ao noso alcance. Neste sentido, a empresa considera que o persoal da Cruz Vermella pode ser unha excelente axuda na divulgación de hábitos e comportamentos respectuosos co medio ambiente e a saúde pública, contribuíndo ao desenvolvemento sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación