- Viaxaron a Cerceda (A Coruña) para visitar o Complexo Medioambiental desta entidade pública, onde reciben tratamento os residuos urbanos producidos por 295 concellos
- A comitiva, liderada polo vicepresidente 3º e Deputado Delegado da Administración Provincial, Plácido Álvarez Dobaño, foi recibida polo presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, quen se encargou de explicar a actividade da compañía
- O máximo responsable de Sogama lembrou que, no marco da infraestrutura deseñada pola Xunta para valorizar a materia orgánica, a provincia ourensá contará cunha planta de biorresiduos que se situará en Verín, e que estará apoiada por dúas plantas de transferencia: San Cibrao das Viñas e A Rúa
Cerceda, a 31 de marzo de 2022.- Un grupo de representantes das áreas de Infraestruturas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense, liderado polo vicepresidente 3º e Deputado Delegado da Administración Provincial, Plácido Álvarez Dobaño, desprazouse esta mañá ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer de primeira man a súa actividade.
O presidente executivo desta compañía pública, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de explicar o labor da Sociedade, a súa cobertura, os principais fitos desde a súa creación, as melloras acometidas durante os últimos anos (tanto desde o punto de vista industrial como económico e social), e os proxectos para desenvolver a curto e medio prazo: é o caso da dotación e xestión da infraestrutura que se poñerá ao dispor dos concellos adscritos ao seu modelo (295 en total) para propiciar a valorización da materia orgánica.
OPERATIVA COMPOSTAXE INDUSTRIAL
Neste sentido, lembrou que, seguindo as directrices europeas, os entes locais quedan obrigados a implantar a recollida selectiva da materia orgánica antes do 31 de decembro de 2023. Aínda que se trata dunha competencia municipal, a Xunta de Galicia, en estreita coordinación con Sogama, habilitará unha rede conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, das cales una delas situarase no polígono industrial de Verín, ás que cabe engadir a de Cerceda -xa en funcionamento-, así como as de Cervo (Lugo) e Vilanova de Arousa (Pontevedra), e 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica. Na provincia de Ourense serán adaptadas a de San Cibrao das Viñas e A Rúa.
O obxectivo último é que a práctica totalidade dos concellos adscritos a Sogama conten cunha planta (de biorresiduos ou de transferencia) a menos de 50 km de distancia e que a recuperación da materia orgánica a través da súa conversión en compost sexa unha realidade o próximo ano, contribuíndo a que Galicia incremente substancialmente as súas taxas de reciclaxe.
COMPOSTAXE DOMÉSTICA
Así mesmo, cabe destacar a firme aposta da Deputación provincial de Ourense pola compostaxe doméstica e os sucesivos convenios de colaboración formalizados con Sogama para estender esta práctica a novas vivendas unifamiliares.
A día de hoxe, un total de 100 entidades ourensás (83 concellos e 17 centros educativos) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovida por Sogama en Galicia, repartíndose entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 3.000 compostadores, ademais de impartir a formación entre os usuarios, que se reforzou coa repartición de manuais didácticos de apoio e unha páxina web de apoio www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación