- Esta charla enmárcase no proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR, cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, no que participan Sogama e a USC, ademais da Universidade do Minho (Portugal)
- Na mesma explicaranse os pormenores e bondades da compostaxe, así como a operativa a seguir no piloto que se levará a cabo na Escola Técnica Superior de Enxeñería e que contará coa colaboración do persoal da propia cafetería e clientela para transformar en compost a materia orgánica recollida selectivamente
- Con tal fin, disporase dunha área de compostaxe situada nas inmediacións da propia Escola e que estará xestionada por persoal da USC, destinando o compost producido aos xardíns e zonas verdes do Campus Vida
Cerceda, a 17 de abril de 2023.- Persoal técnico especializado ao servizo de Sogama impartirá mañá, día 18, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE), unha sesión informativa e formativa que, baixo o título “Proxecto Res4VALOR: piloto de compostaxe no Campus Vida da USC”, está orientada aos estudantes universitarios co fin de explicarlles o proceso de compostaxe da materia orgánica, tanto doméstico como industrial, e os beneficios do compost resultante sobre a estrutura e saúde do solo.
No transcurso da sesión abordarase o marco normativo de referencia, a progresiva implantación do contedor marrón en Galicia, os prazos impostos pola lexislación europea e a operativa a seguir desde que se recolle o seu contido por parte dos servizos municipais ata que se transporta á planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda, onde a materia orgánica recibe o tratamento oportuno para ser convertida en compost.
Tamén se profundará na composición do compost, as súas aplicacións e todas aquelas cuestións de carácter técnico que poidan resultar de maior interese para a comunidade universitaria.
Así mesmo, daranse unhas pinceladas sobre a rede de infraestruturas deseñada pola Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a dar debido cumprimento á normativa. Esta rede, que está a ser executada por Sogama cun investimento de 40 millóns de euros (dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19), está conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia: a de Cerceda -A Coruña-, xa en funcionamento; as de Cervo -en Lugo- e Verín -Ourense-, que entrarán en operación o próximo 1 de xuño; e a de Vilanova de Arousa -Pontevedra-, que o fará no segundo semestre do ano), ademais de 13 plantas de transferencia que servirán de apoio e ás que se dotará cunha tolva independente para transvasar a materia orgánica e transportala á planta de biorresiduos máis próxima.
Con estas 17 instalacións propiciarase que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295), conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
PROXECTO RES4VALOR: PILOTO NA ETSE
Esta sesión formativa enmárcase no proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Forman parte de Res4VaLOR, en calidade de socios, Sogama e a Universidade de Santiago de Compostela, ademais da Universidade do Minho (Portugal), sendo o seu obxectivo desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Dentro deste proxecto, a USC porá en marcha un piloto de compostaxe no que participará o persoal da cafetería da ETSE, que contará cun cubo específico para o depósito dos residuos orgánicos a fin de que sexan trasladados posteriormente a unha área de compostaxe situada nas inmediacións da Escola e que será xestionada por persoal da USC para convertelos en compost, que á súa vez se utilizará como abono natural nos xardíns e zonas verdes do Campus Vida,.
Os asistentes serán obsequiados con packs de bolsas compostables.
Saúdos, Departamento de Comunicación