- Así o manifestou a rexedora desta localidade lucense, Dolores García Caramés, nunha entrevista recollida no programa radiofónico Ecovoz
- Asegurou que a veciñanza está a responder ben á implantación do contedor marrón, constatándose un incremento na achega de materia orgánica, así como unha excelente calidade da mesma, con máis do 98% de elementos propios
- Neste sentido, explicou que, con carácter previo, o ente local despregou unha campaña informativa, formativa e de concienciación bautizada co lema “Súmate ao marrón, ten moita vida”
Cerceda, a 15 de abril de 2024.- A alcaldesa do Concello de Cervo (Lugo), Dolores García Caramés, móstrase optimista ante a resposta da veciñanza á implantación do contedor marrón, concibido para acoller a materia orgánica producida nos fogares e grandes produtores.
Tralos primeiros meses de funcionamento deste servizo, asegurou no programa radiofónico Ecovoz, emitido por Radio Voz Galicia, que a poboación está a responder ben e que, semana tras semana, constátase un incremento nas cantidades de materia orgánica que se transportan á planta de biorresiduos que Sogama ten en Cervo, concretamente no polígono industrial de Cuíña, concibida para dar servizo a 15 municipios (70.000 habitantes).
Así mesmo, a rexedora indicou que, tal e como mostran os resultados das caracterizacións realizadas, máis do 98% da bolsa marrón entregada na instalación está conformada por elementos propios (restos orgánicos), ascendendo o 1,7% a impropios, é dicir, refugallos que non corresponden ao contedor marrón e que deberían depositarse en orixe noutros recipientes de recollida selectiva, como é o caso dalgunha bolsa plástica (contedor amarelo) ou botella de vidro (iglú verde).
Información, formación e concienciación
A fin de informar, formar e concienciar á poboación na correcta separación da fracción orgánica contida nos residuos, explicou que o ente local despregou unha campaña bautizada co lema “Súmate ao marrón, ten moita vida”, que contemplou a remisión, a cada fogar, dun folleto no que se concretaban os puntos que dispoñían de contedores marróns e materiais a depositar nos mesmos.
Igualmente, incidiu en que o servizo de recollida da materia orgánica faino o propio Concello, co seu persoal, buscando en todo momento, pola importancia crucial que ten en termos de resultados, a colaboración dos establecementos hostaleiros. “Desde o ente local está a facerse un gran esforzo na recollida periódica daqueles residuos especiais tales como aparellos eléctricos e electrónicos, voluminosos, pilas, etc, á vez que se levan a cabo accións de sensibilización na recollida de residuos e limpeza de contornas naturais, como é o caso de Coida Cervo”, precisou.
Riqueza e emprego
Máis aló das vantaxes que reporta a compostaxe da materia orgánica, a planta de biorresiduos de Sogama, que acolle todo o proceso de xestión, desde o pretratamento ata a fermentación e a maduración, supón riqueza e creación de postos de traballo, coa particularidade de que, tal e como manifestou García Caramés, “sitúa a Cervo como referente galego en compostaxe”.
Saúdos, Departamento de Comunicación