- Esta acreditación dá fe dos logros alcanzados na instalación logo da implantación e mantemento dunha serie de ferramentas claves orientadas a optimizar os seus procesos, como é o caso da Metodoloxía 6S
- Con isto, a infraestrutura gañou en eficiencia, orde e limpeza, así como nun maior control operativo, aforro de tempos e melloras nas condicións de seguridade e saúde
- A certificación de AENOR constitúe un primeiro paso cara á plena instauración do sistema de produción “Lean Green”
Cerceda, a 26 de setembro de 2024.- A planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través do contedor amarelo para ser seleccionados por tipoloxías de material e remitidos posteriormente aos centros recicladores, foi certificada por AENOR no marco da aplicación da norma LEAN.
Esta acreditación dá fe dos logros alcanzados na instalación logo da implantación e mantemento de cinco ferramentas claves: a denominada Metodoloxía 6S, Indicadores de seguimento, Kaizen, Matriz de Polivalencia, e Control e Seguimento.
Con esta dinámica de traballo, a infraestrutura optimizou os seus procesos, gañando en eficiencia, orde e limpeza, así como nun maior control operativo, aforro de tempos e mellora nas condicións de seguridade e saúde dos empregados/as. Tamén repercutiu moi positivamente na propia rendibilidade e contorna laboral, propiciando unha maior satisfacción por parte do persoal.
Esforzo conxunto
A implicación e colaboración da xestora da planta, a firma PreZero, empresa de referencia internacional no sector ambiental, resultou esencial para o éxito desta iniciativa.
Como resultado, configurouse un espazo de traballo máis atractivo, produtivo e seguro, que viu reducida a presenza de obstáculos, ferramentas e subministracións innecesarias, así como de todo aquilo que puidese ser considerado como desperdicio, tanto en termos materiais como de tempo. Desta forma, ademais de propiciar un menor consumo de recursos, tamén se minimizou a xeración de residuos, en plena consonancia cos principios da economía circular.
A certificación de AENOR constitúe un primeiro paso cara á plena instauración do sistema de produción “Lean Green”, deseñado para optimizar a eficiencia operacional e garantir a sostibilidade do modelo LEAN no tempo.
Saúdos, Departamento de Comunicación