- Grazas a esta instalación, posta en marcha en tempo récord e activa nos momentos álxidos das tres ondas da covid, tratáronse 285.280 kg de material desbotable de baixo risco como buzos, luvas, máscaras e similares.
- A mellora da situación sanitaria traduciuse nunha menor xeración deste tipo de refugallos, que xa poden volver a xestionar o resto de plantas habilitadas para este fin.
Cerceda, a 31 de maio de 2021.- A planta provisional habilitada por Sogama no Complexo Medioambiental de Cerceda para xestionar residuos sanitarios de baixo risco (como buzos, luvas, máscaras desbotables e similares) acaba de cesar a súa actividade tras constatarse que a mellora da evolución da pandemia se traduciu tamén nunha notable redución na xeración deste tipo de refugallos, de xeito que, a día de hoxe, poden volver a ser xestionados integramente polas plantas dedicadas en Galicia ao seu tratamento.
No período durante o que estivo operativa a instalación, entre abril de 2020 e o pasado mes de marzo, Sogama xestionou un total de 285.280 quilos de residuos sanitarios de baixo risco mediante un proceso de valorización enerxética a máis de 850ºC, temperatura coa que se garante a eliminación controlada de patóxenos e outros axentes nocivos.
A actividade da planta provisional, por tanto, coincidiu cos momentos álxidos das tres ondas máis virulentas da covid en Galicia e, a medida que a incidencia da pandemia foi sendo menor, detectouse un descenso progresivo na entrada deste tipo de material.
De feito, a entidade pública localizada en Cerceda non volveu recibir refugallos procedentes dos centros adscritos ao Sergas desde o pasado 11 de marzo, circunstancia que, a día de hoxe, permite prescindir definitivamente da actividade desta infraestrutura, que operou en todo momento de forma independente, con persoal externo contratado e horarios diferenciados aos do resto de traballadores do Complexo Medioambiental.
INSTRUCIÓNS MINISTERIAIS SOBRE O TRATAMENTO
Cómpre lembrar que, debido ao aumento exponencial da xeración de residuos sanitarios a partir de marzo de 2020, o Goberno central ditou unhas instrucións nas que se contemplaban dúas opcións de tratamento para este tipo de refugallos: depósito en vertedoiro ou valorización enerxética, dando prioridade a esta última fórmula, por ser un proceso máis eficiente e seguro.
As comunidades autónomas que contan con plantas de valorización enerxética –Cantabria, País Vasco, Cataluña e Baleares, ademais de Galicia, botaron man das mesmas, evitando así que estes materiais acabasen en vertedoiro, a alternativa menos desexable debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde das persoas.
No caso galego, Sogama redactou o proxecto nun tempo récord e, unha vez dispuxo da autorización administrativa por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, habilitou unha planta provisional onde os residuos sanitarios de baixo risco recibían un pretratamento a través da súa trituración e acondicionamento en forma de combustible CDR, para ser valorizado enerxeticamente na planta termoeléctrica.
Dadas as circunstancias excepcionais nas que se tivo que levar a cabo este labor, Sagama quere transmitir o seu máis sincero agradecemento ao equipo humano do ente, polo esforzo investido para facer fronte a unha situación imprevisible que se pechou con éxito.
Saúdos, Departamento de Comunicación