- A institución alega que aínda deben ser abordados unha serie de desafíos crave para avanzar cara a unha economía circular e neutra en carbono
Cerceda, a 13 de decembro de 2023.- Plastics Recyclers Europe pide á UE que manteña a ambición de lograr unha auténtica circularidade para os plásticos impulsando a competitividade e a innovación da industria do plástico da UE.
Na súa carreira por unha UE circular, as institucións europeas afrontarán un momento decisivo durante o período 2024-2029 para seguir cumprindo os obxectivos do Pacto Verde e, ao mesmo tempo, implementar e facer cumprir medidas que realmente transformen os plásticos nun material totalmente circular. Neste sentido, abordar os desafíos crave na recollida, o ecodeseño e a reciclaxe e, ao mesmo tempo, instaurar regras transparentes para verificar o progreso dos diversos obxectivos, atópanse entre algúns dos requisitos previos críticos para a UE nos próximos anos.
“A reciclaxe de plásticos demostrou ser un dos compoñentes vitais dunha economía circular en Europa. Para desbloquear todo o seu potencial, débense establecer os incentivos necesarios, dirixidos a toda a cadea de valor, para impulsar os investimentos cara ás capacidades de reciclaxe e os desenvolvementos tecnolóxicos da UE”, subliñou Ton Emans, presidente de Plastics Recyclers Europe.
Para isto, PRE cre firmemente que a acción europea debe establecer unha serie de prioridades. En primeiro lugar, para acelerar a transición cara aos plásticos circulares, as institucións europeas deberían abordar as barreiras sistémicas, promovendo a mellora de sistemas de recollida harmonizados en toda a UE e establecendo obxectivos realistas de reciclaxe e de contido reciclado.
Ao mesmo tempo, é fundamental adoptar medidas decisivas para combater o lavado verde. Así, e coa pretensión de mitigar o risco de utilizar plásticos reciclados non verificados de países non pertencentes á UE, é esencial promover a transparencia e establecer igualdade de condicións para todos os produtos, incluídos os importados. A utilización de sistemas confiables de verificación e certificación xoga un papel crave ao garantir a rastrexabilidade dos materiais derivados de residuos ao longo de toda a cadea de valor.
Todas estas accións garantirán unha competencia leal e fortalecerán os investimentos na industria do plástico da UE, asegurando unha subministración sostible de produtos reciclados de alta calidade e unha innovación continua nun mercado global.
Por último, pero non menos importante, as políticas con visión de futuro baseadas en avaliacións científicas e datos sólidos, deberían ser a pedra angular da acción europea.
Fonte e imaxe: Plastics Recyclers Europe