- A empresa pública entregou o pasado venres ao ente local 50 composteiros de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como outros tantos manuais didácticos de apoio para que os usuarios poidan facer uso dos mesmos.
- A día de hoxe, un total de 104 entidades pontevedresas (43 concellos, 55 centros educativos e 6 colectivos sociais) sumáronse ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 5.500 recipientes.
Cerceda, a 10 de maio de 2021.- O Concello de Poio (Pontevedra) adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal xa recibiu 50 composterios subministrados de forma gratuíta por parte desta empresa pública.
Os recipientes, con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e serán repartidos, por parte do ente local, entre as vivendas que reúnan os requisitos, é dicir, que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante; un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e que mesmo actúacomo escudo protector fronte a pragas e enfermidades. Todo un exemplo de economía circular no que os refugallos orgánicos póñense en valor mediante a súa transformación en recursos.
Así mesmo, a Sociedade enviou ao Concello outros tantos manuais didácticos de autocompostaxe para que sexan distribuídos entre os participantes. Nos mesmos explícase a operativa a seguir e detállanse todas as fases do proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, e o control de parámetros de gran importancia para que o resultado final sexa satisfactorio: osíxeno, temperatura e humidade. Igualmente, solvéntanse as dúbidas máis habituais e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
BENEFICIOS
Con esta iniciativa, os concellos poden beneficiarse de grandes vantaxes no ámbito ambiental, mediante o aforro de emisións de CO2; económico, diminuíndo a cantidade de residuos a entregar a Sogama para o seu tratamento final, o que se traduce nunha redución do importe da factura a pagar á empresa; e social, posibilitando que o número de desprazamentos que os cidadáns deben realizar aos contedores sexa menor, toda vez que outros materiais tales como o vidro, o papel/cartón e os envases lixeiros poden almacenarse varios días no fogar sen risco de cheiros.
A día de hoxe, un total de 104 entidades pontevedresas (43 concellos, 55 centros educativos e 6 colectivos sociais) sumáronse ao programa de autocompostaxe de Sogama, repartindo entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 5.500 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación