- O colexio Manuela Rial Mouzo levou o galardón correspondente ao concurso de coñecementos medioambientais “O Ecopreguntoiro”.
- E o centro carballés Xesús San Luís Romeu foi galardoado por partida dobre: no apartado de Ecovídeo, co seu traballo “Ameneiro” e no de Ecofotografía, coa instantánea “Cabaliño do Demo”.
- Os premios entregaranse oficialmente nunha gala de fin de curso que terá como escenario un lugar único: o parque acuático de Cerceda.
Cerceda, a 11 de xuño de 2019.- A escasos días da festa de clausura do programa radiofónico Ecovoz, que terá lugar no parque acuático de Cerceda (A Coruña) os gañadores dos distintos premios xa saíron á luz.
O colexio Manuela Rial Mouzo de Cee fíxose co galardón no concurso “O Ecopreguntoiro”, no que competiron alumnos/as de sexto de primaria de distintos centros educativos galegos para poñer a proba os seus coñecementos en medio ambiente. Os representantes do centro galardoado mostráronse moi satisfeitos con este merecido primeiro posto, unha experiencia que lles aportou unha maior aprendizaxe e tamén moita diversión. Manifestaron que a radio é un medio que lles apaixona e transmitir a través do mesmo a súa bagaxe no ámbito do medio ambiente apórtalles unha satisfacción aínda maior. A alegría no centro era máxima.
Pola súa banda, un grupo de alumnos de 6º de primaria do colexio Xesús San Luís Romero de Carballo leváronse o recoñecemento ao mellor Ecovídeo. Leva por título “Ameneiro” e narra a historia do seu curso e o coñecemento do patrimonio natural como fórmula para conservalo; un traballo colaborativo do que se senten moi orgullosos e que lles permitiu profundar noutros valores tales como o compañerismo e o desenvolvemento de tarefas en equipo.
O premio á mellor Ecofotografía foise tamén para este mesmo centro carballés. Conseguir a instantánea, bautizada co título “Cabaliño do demo”, non foi fácil xa que, tal e como manifestou o seu autor, este pequeno animaliño asústase facilmente, circunstancia que requiriu de moita paciencia. O fotógrafo aportou máis imaxes ao concurso, incluíndo unha específica dunha avespa velutina, que foi inmortalizada no Bosque do Añón carballés.
Culmina así unha nova etapa de Ecovoz de aprendizaxe, intercambio de experiencias, sentimentos e desexos, cun moi especial: traballar por un futuro máis sostible para todos.
Os galardóns serán entregados na gala de clausura deste programa, que terá lugar en próximas datas e onde se darán cita o alumnado e profesorado dos 16 colexios participantes de toda Galicia.
Saúdos ,Departamento de Comunicación