- Trátase dunha plataforma online deseñada para apoiar aos municipios, empresas e outros actores urbanos na transición cara a unha economía circular.
- Na mesma infórmase sobre fondos dispoñibles para proxectos de economía circular e oriéntase aos inversores.
- Trátase dunha iniciativa da Asociación da Axenda Urbana sobre a Economía Circular e foi elaborada polo BEI e expertos externos mobilizados polo Centro Europeo de Asesoramento sobre Investimentos, en cooperación cun grupo de traballo de partes interesadas.
Cerceda, a 7 de febreiro de 2020.- No marco do Foro de Cidades de Oporto (Portugal), celebrado o pasado 31 de xaneiro, presentouse a Guía de Financiamento de Cidades Circulares, na que se informa sobre fondos dispoñibles para proxectos de economía circular e oriéntase aos inversores que queiran financiar iniciativas deste tipo.
A guía está promovida pola Asociación da Axenda Urbana sobre a Economía Circular e foi elaborada polo Banco Europeo de Investimentos (BEI) e expertos externos mobilizados polo Centro Europeo de Asesoramento sobre Investimentos, en cooperación cun grupo de traballo de partes interesadas.
Trátase dunha plataforma online deseñada para apoiar aos municipios, empresas e outros actores urbanos na súa transición cara a unha economía circular.
Por unha parte, a guía proporciona coñecementos sobre as diferentes fontes de financiamento dispoñibles para as cidades e as condicións específicas para acceder a elas e, por outra, ofrece información sobre a forma de examinar, seleccionar, supervisar e apoiar os proxectos de economía circular.
O sitio web contén ampla información sobre as fontes de financiamento dispoñibles (máis de 100) e enfoques sobre como establecer un programa de financiamento circular. Ademais, o usuario pode beneficiarse de diversos estudos de casos informativos, un glosario específico e unha ampla biblioteca de recursos.
A Asociación da Axenda Urbana sobre Economía Circular é unha das 14 asociacións no marco da Axenda Urbana para a UE que ten por obxecto determinar formas de mellorar a lexislación, o financiamento e o intercambio de coñecementos da UE para as cidades.
A asociación de economía circular, que reúne ás cidades, a Comisión Europea, o BEI e outras partes interesadas, centrouse na identificación e a análise dos obstáculos diagnosticados para propiciar a transición circular nas cidades e, sobre esa base, elaborou unha serie de medidas para facer fronte aos mesmos.
Fonte: Banco Europeo de Investimentos (BEI)
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación