- O alumnado, de 1º de ESO e 1º de FP na rama de Mecánica e Restauración, puido comprobar as distintas fases do tratamento que reciben os residuos que chegan ás instalacións desta empresa pública
Cerceda, a 29 de outubro de 2024.- Preto de 100 estudantes do IES Terra do Xallas, pertencente ao municipio coruñés de Santa Comba, visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama para formarse nunha mellor xestión dos residuos domésticos.
O alumnado, de 1º de ESO e 1º de FP na rama de Mecánica e Restauración, puido comprobar as distintas fases do tratamento que reciben os residuos que chegan ás instalacións desta empresa pública a través dun percorrido virtual para o que foron equipados con lentes inmersivos 360º.
Así, tiveron a oportunidade de ver o proceso de separación automática dos refugallos que conforman a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) para ser remitidos aos centros recicladores, así como a segregación, por tipos de materiais, da parte da bolsa negra (fracción resto) susceptible de ser reciclada, labor que se leva a cabo nunha planta que opera en liña coa industria 4.0 e na que se recuperan aqueles residuos que deberían ser depositados en orixe noutros contedores de recollida selectiva.
Coa parte non reciclable, Sogama prepara un combustible CDR para ser valorizado na planta termoeléctrica, onde se xera a enerxía eléctrica suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A xornada tamén foi aproveitada para explicar aos escolares cuestións tales como o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), a importancia do consumo responsable, consciente e respectuoso coa contorna, a necesidade de diminuír o desperdicio alimentario, así como de sacarlle a máxima rendibilidade aos produtos ata esgotar a súa vida útil.
Igualmente, fíxose fincapé na correcta clasificación de residuos e posterior depósito dos mesmos nos distintos contedores de recollida selectiva, e a conveniencia de utilizar en maior medida o contedor marrón, que acolle a materia orgánica e está presente xa en Santa Comba desde hai tempo, para garantir que o residuo orgánico se converta en compost na planta de biorresiduos que Sogama ten en Cerceda.
A visita completouse con distintos xogos a través dos cales o alumnado puido contrastar o seu grao de coñecemento en materia de reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación