- Con estas xornadas preténdese incrementar os coñecementos da poboación na xestión sostible dos residuos municipais e contribuír á súa maior concienciación ao redor da protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático
- O principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o consumo responsable, a recollida selectiva, a diminución do desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica constituíron os bloques temáticos máis demandados polo público obxectivo
Cerceda, a 10 de xaneiro de 2024.- Un total de 9.800 persoas de distintos puntos de Galicia foron formadas presencialmente por técnicos e educadores de Sogama durante o período 2022-2023 co fin de incrementar os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos municipais e contribuír á súa maior concienciación ao redor da protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático.
Aínda que con diferentes perfís (veciños de concellos, escolares e integrantes de asociacións e outros colectivos sociais), o interese dos participantes nestas sesións estaba centrado en mellorar a xestión dos residuos producidos nos fogares e potenciar a reciclaxe.
Así, o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o consumo responsable, a recollida selectiva, a diminución do desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica, foron as temáticas máis demandadas e sobre as que houbo un maior interese, sen esquecer o papel que Sogama desempeña na comunidade galega ao tratar os refugallos producidos por 295 concellos (o 94% do total).
En todo caso, o enfoque das charlas adáptase ás características de cada colectivo, elixindo para isto os materiais didácticos máis axeitados dacordo coa idade, a bagaxe e o nivel educativo. Respecto dos máis pequenos, as charlas amenízanse con xogos a través dos cales se poñen a proba o apreso durante as mesmas.
Contedor de destino de cada residuo
As dúbidas máis frecuentes trasladadas durante estas xornadas xiraron especialmente ao redor dos materiais que deben, e non deben, depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva, sendo o amarelo o que xera maior confusión ao identificalo con todo tipo de plásticos, cando no mesmo só deben ser depositados os envases e envoltorios de plástico, as latas e os briks.
O contedor marrón, o último en incorporarse ás rúas, constitúe a novidade dos últimos meses, sendo tamén o protagonista de moitas das charlas impartidas por esta Sociedade pública para que os cidadáns saiban que no mesmo debe introducirse, única e exclusivamente, materia orgánica para que logo sexa transformada en compost, un abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para solos agrícolas e xardíns.
Ao longo deste ano 2024, Sogama continuará co seu planning de traballo, desprazándose a distintos municipios para instruír á poboación nas boas prácticas vinculadas á sostibilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación