- Sogama, a solicitude do Concello, subministrou unha nova partida de 50 composteiros.
- Con esta decidida aposta pola compostaxe doméstica, o ente local pretende alcanzar importantes beneficios, tanto a nivel ambiental como económico e social.
Cerceda, a 4 de agosto de 2021.- Sogama, a solicitude do Concello de Salvaterra do Miño (Pontevedra), subministrou nesta localidade 50 novos composteiros, con capacidade para 400 litros, que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 195 as familias que actualmente autoxestionan a súa materia orgánica.
Con esta decidida aposta pola compostaxe doméstica, o ente local pretende alcanzar os beneficios que trae consigo a reciclaxe dos residuos orgánicos en orixe, tanto a nivel ambiental como económico e social.
Desde o punto de vista ambiental, porque se deposita menor cantidade de refugallos no contedor verde xenérico, podéndose reducir a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, o que se traduce en menores emisións de CO2 á atmosfera.
Desde a dimensión económica, porque entregando menos toneladas de lixo a Sogama para o seu tratamento final, minórase o importe da factura por este concepto. E, desde a social, porque se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da fracción orgánica, que representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Persoal do concello será o encargado de facer un seguimento do programa para comprobar o seu alcance e acollida, e tomar boa nota das limitacións, dificultades e dúbidas transmitidas pola veciñanza.
Saúdos, Departamento de Comunicación