- As accións de educación ambiental desta entidade pública comezaron o ano con enerxía, desenvolvendo intensas xornadas presenciais dirixidas aos 25 centros escolares adscritos a Recíclate con Sogama, así como charlas externas orientadas a diversos colectivos sociais.
- Pola súa banda, o programa de visitas espertou especial interese entre a poboación, contando con dous importantes alicientes: un aula ambiental reformada baixo criterios de sostibilidade e a incorporación, ao percorrido guiado, da nova planta de recuperación de materiais, que opera en liña coa industria 4.0.
Cerceda, a 14 de febreiro de 2020.- O programa de educación ambiental de Sogama comezou o ano 2020 con enerxía. A Sociedade formou presencialmente ao redor de 2.000 persoas durante o pasado mes de xaneiro.
Por unha banda, os 25 centros escolares de primaria adscritos ao programa “Recíclate con Sogama” recibiron as primeiras charlas co fin de que poidan desenvolver correctamente os seus proxectos, orientados a instaurar a reciclaxe nas aulas. Deste xeito clarificouse o que debe e non debe depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva e incidiuse na necesidade de levar a cabo unha xestión sostible e intelixente dos residuos na que prime o consumo responsable.
En breve, os educadores de Sogama realizarán unha nova visita a todos os colexios participantes o obxectivo de prestar o asesoramento necesario para lograr entre todos uns exitosos resultados.
Paralelamente, a Sociedade Galega do Medio Ambiente impartiu sesións en distintos colectivos, tanto educativos como empresariais e sociais, focalizadas cara ás boas prácticas vinculadas á economía circular. Nas mesmas cobraron especial peso a prevención, o alongamento da vida útil dos produtos e a correcta separación dos materiais en orixe para propiciar o seu reciclado e posterior transformación en novos recursos.
UN RENOVADO PROGRAMA DE VISITAS
Así mesmo, a Sociedade dou comezo a un renovado programa de visitas con dous alicientes de peso: unha nova aula medioambiental, que foi reformada na súa totalidade baixo criterios de sostibilidade, primando os materiais reciclados e reciclables, e un itinerario guiado que contempla a nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e que concentra a atención dos distintos grupos sociais.
No marco da industria 4.0, esta instalación conta cos sistemas automáticos de separación de residuos máis modernos e innovadores, e a través dos cales clasifícanse ata 11 tipos de refugallos que se introducen de novo no circuíto comercial.
Esta nova planta, xunto coa remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitiu incrementar a capacidade de tratamento do Complexo Medioambiental de Cerceda nun 81%, pasando das 550.000 toneladas a 1 millón.
Esta mellora, que constitúe todo un fito na historia da Sociedade, posibilitará que a compañía aumente a súa achega á reciclaxe e alcance este mesmo ano ao vertido técnico cero, desviando a vertedoiro, única e exclusivamente, aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación