- As sesións impartiranse mañá e pasado (18 e 19 de decembro), e estarán dirixidas ao alumnado de 1º de ESO.
- A pretensión das mesmas é que os mozos/as coñezan e tomen conciencia da problemática que representa a elevada produción de residuos e que sexan capaces de visualizalos como materiais de alto valor.
- O principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o desperdicio alimentario, a compostaxe e a contaminación oceánica por plásticos, son algunhas das temáticas que se atopan na axenda de traballo.
Cerceda, a 17 de decembro de 2019.- Preto de 250 estudantes de 1º de ESO do IES Manuel Murguía de Arteixo (A Coruña) serán formados por Sogama nas boas prácticas ambientais vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos.
A pretensión das sesións didácticas, que se levarán a cabo mañá e pasado (18 e 19 de decembro), é que os mozos/as coñezan e tomen conciencia da problemática que representa a elevada produción de residuos e que sexan capaces de visualizalos como materiais que poden ter novas utilidades se se separan correctamente en orixe e se depositan nos correspondentes contedores ubicados nas vías públicas.
É por isto que, atendendo ao concepto de economía circular, explicaráselles a importancia de que os produtos se manteñan na economía o maior tempo posible a fin de limitar o consumo dos xa escasos e limitados recursos naturais. En consecuencia, o consumo responsable e a redución da produción de refugallos en orixe constitúen o eixe sobre o que xira o éxito do sistema, cobrando tamén gran importancia a activa participación do cidadán na reutilización e a reciclaxe.
A función de Sogama é precisamente complementar o esforzo da poboación a través da recuperación material da parte reciclable que, por erro, descoido ou descoñecemento, se tivera introducido no contedor verde convencional, remitíndoa aos centros recicladores, e a valorización enerxética da fracción non reciclable a fin de evitar o seu vertido, a peor das opcións polo seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao 12% da consumida por parte dos fogares galegos.
Así mesmo, e grazas á ampliación do seu Complexo Medioambiental de Cerceda, que viu incrementada a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, esta empresa aumentará exponencialmente a súa achega á reciclaxe e acadará i vertido técnico cero en 2020, cumprindo, con 15 anos de antelación, as directrices europeas.
Tamén se reservará un espazo para falar da compostaxe da materia orgánica, un proceso que permite pechar o círculo do seu aproveitamento e devolvela ao solo en forma de abono. A diminución do desperdicio alimentario e a contaminación oceánica por plásticos figuran igualmente en axenda.
Saúdos, Departamento de Comunicación