- O obxectivo do Concello é avanzar na autoxestión dos restos orgánicos, minimizando deste xeito a cantidade de lixo depositado no contedor convencional e, polo tanto, os custos da súa xestión.
Cerceda, a 10 de setembro de 2021.- Logo da última partida de composteiros entregada por Sogama a Pazos de Borbén, xa son 298 os recipientes subministrados gratuitamente por esta entidade ao concello pontevedrés co fin de propiciar a reciclaxe da materia orgánica in situ.
O obxectivo do ente local é avanzar na autoxestión dos restos orgánicos, minimizando desta forma a cantidade de lixo depositado no contedor convencional e, polo tanto, os custos da súa xestión.
Os composteiros, con capacidade para 400 litros, facilitan que o proceso de fermentación dos refugallos orgánicos leve a cabo dunha forma máis limpa, cómoda e eficiente. Agora ben, requisito indispensable para que os veciños poidan participar nesta iniciativa é que habiten en vivendas unifamiliares con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo), aplicando no mesmo o compost obtido, polo xeral de moi boa calidade. Trátase dun abono natural, con excelentes propiedades para o solo, xa que, máis aló de proporcionarlle nutrientes, tamén o protexe fronte a pragas e enfermidades.
En todo caso, con esta iniciativa recupérase unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Os usuarios contan con manuais didácticos de apoio nos que se explica todo o proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben –e non deben- ser depositados neste recipiente, así coma o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
A autoxestión da materia orgánica estase a estender por toda a comunidade, tendo repartido Sogama, de forma gratuíta, máis de 17.000 composteiros a día de hoxe, encargándose igualmente da formación da veciñanza interesada.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación