- Sogama entregou ao ente local unha nova partida de 25 composteiros e, o próximo 30 de novembro, un técnico da empresa impartirá no municipio unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica a fin de que os asistentes complementen coñecementos e resolvan as súas dúbidas
Cerceda, a 27 de novembro de 2023.- Sogama subministrou ao Concello de Arbo (Pontevedra) unha nova partida de 25 composteiros que, sumadas a outras anteriores, fan un total de 292 os recipientes entregados, permitindo a outras tantas familias autoxestionar a súa materia orgánica.
As vivendas participantes deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo no que aplicar o compost resultante. Desta forma, pechan o círculo de recuperación dos restos orgánicos en orixe mediante a súa transformación nun abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para plantas e cultivos.
Con capacidade para 400 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables, os composteiros representan unha gran axuda ao permitir que o proceso de elaboración de compost resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Así mesmo, os participantes recibirán un manual didáctico de apoio no que se describe a técnica a seguir e no que se orienta sobre a mellor localización do recipiente, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca, protexido das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para permitir a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Na publicación tamén se concretan os refugallos que deben, e non deben, depositarse no composteiro, e como realizar a mestura entre materiais húmidos e secos a fin de lograr que esta sexa equilibrada, á vez que se destaca a importancia do control e vixilancia de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Igualmente, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, así como aos erros máis comúns.
Con todo, e co fin de reforzar a información e ofrecer aos usuarios a posibilidade de que resolvan todas as súas dúbidas, un técnico de Sogama desprazarase ao municipio de Arbo o próximo 30 de novembro para impartir, a solicitude do concello, un curso de formación, que terá lugar no Auditorio municipal, e no que se explicará, de forma pormenorizada, o proceso de compostaxe, atendendo in situ todas as consultas formuladas polos participantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación