- Sogama entregou ao Concello unha nova partida de 25 composteiros, así como manuais didácticos de apoio
Cerceda, a 26 de xuño de 2023.- Sogama entregou ao Concello da Guarda (Pontevedra) unha nova partida de 25 composteiros, facendo un total de 338 os fogares que xa autoxestionan a súa materia orgánica.
Para que os interesados poidan facerse cun composteiro, é necesario que habiten nunha vivenda unifamiliar con terreo (xardín, horta e/o terras de cultivo) no que aplicarán o compost resultante, pechando así o ciclo natural de recuperación e transformación do residuo orgánico nun novo recurso (abono natural) que propiciará unha nova vida.
Con estes recipientes, de 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, preténdese retomar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
Máis aló das bondades do compost para o solo, ao que achega nutrientes, ademais de protexelo fronte a pragas e enfermidades, este proceso trae consigo importantes beneficios económicos e sociais. Dado que a materia orgánica representa preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu envío a unha planta de tratamento, podendo verse mesmo reducida a frecuencia de recollida e transporte.
Igualmente, veuse comprobando que unha correcta clasificación dos residuos orgánicos en orixe, mellora a separación do resto das fraccións de recollida selectiva, incrementando a reciclaxe no seu conxunto.
Ademais dos composteiros, Sogama entregou ao Concello manuais didácticos de apoio nos que se detalla todo o proceso de autoxestión da materia orgánica: desde a localización do composteiro, que debe emprazarse preto da vivenda, nunha zona sombreada e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. A publicación tamén dá resposta ás preguntas máis frecuentes e solución aos erros máis común.
20.500 composteiros repartidos
A día de hoxe, un total de 448 entidades atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia. Destas, 224 son concellos, 193 son centros educativos e 31 son colectivos sociais. Entre todas elas, esta Sociedade xa repartiu, de forma gratuíta, 20.500 composteiros, ademais de impartir formación.
Saúdos, Departamento de Comunicación