- Cun enfoque teórico-práctico, a compañía esforzouse en proporcionar aos centros participantes os medios necesarios (materiais, didácticos e lúdicos) para que puidesen levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe coas máximas garantías.
- Así mesmo, o alumnado recibiu formación presencial e online a cargo de técnicos de Sogama, os cales tamén efectuaron visitas periódicas ás escolas para comprobar a evolución dos seus traballos e solventar dúbidas.
Cerceda, a 10 de setembro de 2020.- Desde a súa incorporación ao Plan Proxecta da Xunta de Galicia, fai 8 anos, o programa “Recíclate con Sogama” formou en medio ambiente a preto de 37.000 escolares.
Cun enfoque teórico-práctico, a compañía esforzouse en proporcionar aos centros participantes os medios necesarios para que puidesen levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe coas máximas garantías.
O obxecto desta iniciativa é inculcar nos pequenos os bos hábitos na prevención de residuos e reutilización de produtos, así como instaurar a reciclaxe nas aulas e concienciar á comunidade educativa na correcta separación dos refugallos e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes para ser transformados en novos materiais.
Desta forma, Sogama veu subministrando aos colexios, maioritariamente de primaria (25 por curso académico), as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, azul e verde xenérico), así como composteiros a aqueles que dispoñen de servizo de comedor para que os restos orgánicos sexan valorizados e convertidos en compost, un abono natural de alta calidade a utilizar como fertilizante nas hortas e xardíns escolares.
Así mesmo, a empresa encargouse de proporcionar o material didáctico necesario (folletos, presentacións, vídeos, etc), reforzado con outro de carácter lúdico, tanto a través de xogos presenciais (é o caso de “Un partido polo planeta”) como online adaptados a cada tramo de idade, co fin de traballar a estratexia dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
A formación presencial a cargo de técnicos de Sogama tamén foi a tónica habitual ao longo das distintas edicións, véndose complementada con visitas periódicas aos colexios para comprobar a evolución dos proxectos e solventar dúbidas.
O labor desenvolvido por cada centro plásmase nunha memoria que debe ser presentada a final de curso a través da aplicación informática do Plan Proxecta para ser evaluada e cualificada.
Igualmente, Sogama veu convocando premios específicos para motivar ao alumnado a traballar con máis intensidade na reutilización e reciclaxe a través da elaboración de obras de arte con materiais de refugallo; un reto co que teñen a oportunidade de comprobar por si mesmos o valor contido no lixo, podendo ata converterse en arte.
Saúdos, Departamento de Comunicación