- Esta campaña, presente en 487 centros de día, sociais e de maiores en seis comunidades, entre as que se atopa Galicia, busca promover a cultura da reciclaxe entre os maiores e convertelos en embaixadores deste hábito
Cerceda, a 26 de xullo de 2022.- Dado a súa ampla bagaxe na aplicación diaria do principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), os colectivos de persoas maiores poden converterse en abanderados da protección da contorna natural. De entre as distintas accións impulsadas por Ecoembes, cabería destacar a campaña ‘Terceiros en idade, primeiros en reciclar’, coa que se pretende ensinar aos ‘avós e avoas’ os beneficios da reciclaxe e que se convertan en embaixadores deste hábito.
Así, preto de 400.000 maiores de 487 centros de día, sociais, de maiores e apartamentos de seis comunidades autónomas, entre as que se atopa Galicia, aprenderon a clasificar os residuos en orixe para posibilitar o seu posterior reciclado. Con tal fin, desenvolvéronse distintas actividades lúdicas e terapéuticas tales como xogos e manualidades, coas que puideron transmitir os seus coñecementos a netos e escolares, fomentando a aprendizaxe interxeracional.
No marco deste proxecto, Ecoembes proporcionou aos centros 2.950 papeleiras amarelas e azuis para poder realizar unha separación axeitada, así como cartelería, vinilos e outros elementos divulgativos de apoio para conseguir a máxima implicación do público obxectivo, sen esquecer aos 9.593 profesionais (terapeutas, persoal de cociña e limpeza, directores/as dos devanditos centros), que recibiron formación específica.
Begoña de Benito, directora de Relacións Externas e RSC de Ecoembes, afirma que “é impresionante o entusiasmo que as persoas maiores poñen a este tipo de iniciativas. A eles e elas preocúpalles moito o medio ambiente, sempre conviviron dunha forma respectuosa con el, e están dispostos a aprender para que así siga sendo”.
Fonte e imaxe: Ecoembes