
- Estiveron acompañados polos seus profesores, os catedráticos Francisco Omil e Anuska Mosquera, que cada ano visitan esta infraestrutura con novos alumnos ao considerala un referente na xestión sostible dos residuos municipais
Cerceda, ao 23 de abril de 2025.- Esta mañá, preto de 70 estudantes do Grao en Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela realizaron unha visita ao Complexo industrial de Sogama en Cerceda para coñecer os procesos técnicos e medidas ambientais adoptadas nesta infraestrutura para garantir unha operativa totalmente respectuosa co medio ambiente e a saúde pública.
Se ben realizaron un percorrido guiado a pé polas distintas plantas que conforman o Complexo, non quixeron perderse a viaxe virtual polas mesmas, toda vez que, a través desta, teñen a oportunidade de ver aqueles espazos inaccesibles doutro xeito por motivos de seguridade.
O grupo estivo acompañado en todo momento polos catedráticos Francisco Omil e Anuska Mosquera, grandes coñecedores do servizo prestado por Sogama nas súas diferentes facetas e que cada curso concertan unha visita ao Complexo co seu alumnado para mostrarlle o tratamento que reciben a maior parte dos residuos municipais producidos en Galicia e a importancia de dispoñer de tecnoloxías de última xeración que garantan unha xestión eficiente e sostible.
Durante o tempo de coloquio, as preguntas técnicas formuladas polos mozos foron moitas e diversas, o que denota o seu interese polo traballo desempeñado por esta empresa pública e os proxectos enmarcados no seu plan estratéxico 2025-2030, podendo destacar a construción e xestión dunha planta de clasificación de residuos téxtiles, a transformación dixital, tanto a nivel industrial como administrativo, a descarbonización dos procesos e a economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación