- A empresa pública aposta polo tren como medio preferente ao ser máis sostible, con menores emisións de CO2 á atmosfera, con maior sincronización horaria, menor sinistralidade e tamén menores molestias cidadás
- Así o puxo en valor a compañía con motivo da conmemoración do Día Mundial do transporte sostible, que se celebra hoxe mesmo
Cerceda, a 26 de novembro de 2024.- Máis aló de acadar altos estándares de eficiencia no propio tratamento industrial dos residuos urbanos, a loxística do sistema Sogama non se quedou á zaga, consciente a empresa da gran importancia que esta ten en Galicia debido ao elevado número de núcleos rurais e á alta dispersión da poboación.
Na súa firme aposta polo ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos, esta compañía pública veu traballando intensamente para que a meirande parte dos refugallos que se atopan baixo a súa xestión, se transporten por tren, un medio máis sostible, máis respectuoso co medio ambiente, con menores emisións de CO2 á atmosfera, con maior sincronización horaria, menor sinistralidade e tamén menores molestias cidadás.
Se en 2016 o teito do transporte por vía férrea representaba en torno ao 25%, nestes momentos sitúase na contorna do 57%; un logro máis que fai de Sogama un modelo de referencia en Europa e tamén no resto do mundo, xa que, de forma paralela á incorporación das últimas tecnoloxías nos seus procesos industriais, ocupouse de facer máis sostible a súa actividade en ámbitos coma o loxístico, crucial nun modelo que dá servizo a 295 concellos (o 94% do total da comunidade).
Así o puxo en valor a empresa con motivo da conmemoración, hoxe mesmo, do Día Mundial do Transporte Sostible.
Mentres que un camión pode desprazar un contedor de lixo de 40-43 metros cúbicos, con capacidade para 20 toneladas, o ferrocarril logra desprazar ao redor de 30 contedores nunha soa viaxe, coas vantaxes ambientais e sociais que isto supón.
Saúdos, Departamento de Comunicación