
-
En colaboración coa firma Applus, tivo unha duración de 5 horas e levouse a cabo durante dúas xornadas
-
O obxectivo do curso era arroxar luz sobre as implicacións da implantación do quinto contedor para a recollida de materia orgánica e promover que aqueles entes locais que aínda non o teñan instaurado, o fagan coa maior prontitude, atendendo ás obrigacións legais impostas pola UE
-
Os 295 concellos adheridos a Sogama teñen á súa disposición unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións para a valorización da materia orgánica á que esta empresa pública destinou un investimento de 45 M€
Cerceda, a 21 de maio de 2024.- Preto dun cento de técnicos, alcaldes e concelleiros doutros tantos concellos adscritos a Sogama participaron no curso online “A implantación do contedor marrón: desafíos e oportunidades”, promovido por esta empresa pública e que contou coa colaboración de Applus, intervindo no mesmo, en calidade de relator, o xerente de proxectos de residuos desta firma, Benito Blanco.
O obxectivo da iniciativa era arroxar luz sobre as implicacións da implantación do quinto contedor nas rúas, concibido para recoller materia orgánica, e promover que aqueles entes locais que aínda non o teñan instaurado, o fagan coa maior prontitude, atendendo ás obrigacións legais impostas pola Unión Europea. Para aqueloutros que xa contan con este recipiente, o curso presentouse como unha oportunidade para despexar dúbidas, complementar coñecementos e intercambiar experiencias.
A actividade, cunha duración total de 5 horas, levouse a cabo durante dúas xornadas, abordando distintas cuestións de interese para os concellos, toda vez que estes teñen as competencias en materia de xestión de residuos.
Infraestruturas ao servizo dos entes locais
A través de catro bloques de contidos e un final de coloquio, proporcionáronse aos representantes locais as claves do marco normativo relativo á xestión diferenciada da materia orgánica (unha obrigación europea para os concellos desde o pasado 31 de decembro de 2023), así coma o seu encaixe nos modelos tradicionais, a revisión das ordenanzas municipais, a dimensión do novo servizo e custos asociados, a disposición de medios e a modificación dos contratos para a xestión da fracción orgánica, sen esquecer as campañas de información, formación e sensibilización social.
O penúltimo bloque cinguiuse ao papel de Sogama en relación ao quinto contedor e profundou na rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, deseñada pola Xunta de Galicia, e executada por esta compañía pública, para axudar aos concellos a dar debido cumprimento á lexislación vixente.
Esta rede, á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros, dos cuales 30 millóns proceden dos Fondos Feder REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19, está conformada por 4 plantas de biorresiduos nas que se producirá compost a partir da materia orgánica (Cervo, na provincia de Lugo; Cerceda, na da Coruña; Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra; e Verín, na de Ourense) e 13 plantas de transferencia de apoio (6 de nova construción -Curtis, Cee, Ponteceso, A Lama, Arbo e Riotorto- e 7 sometidas a remodelación -Narón, Lugo, Silleda, A Rúa, Porriño, San Cibrao das Viñas e Vigo).
A pretensión última desta rede é que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, o que lles permitirá aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Compostaxe doméstica, outra forma de valorización
Así mesmo, deuse a coñecer o programa de compostaxe doméstica impulsada por Sogama en Galicia e ao que están adscritas 467 entidades (228 concellos, 207 centros educativos e 32 colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, preto de 22.000 composteiros.
Antes de concluír o curso, reservouse tempo para un coloquio no que os participantes tiveron a oportunidade de deixar constancia das súas reflexións e preguntar todas as dúbidas sobre o tratado durante a actividade informativa e formativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación