- A carne é o produto máis esixente, requirindo de grandes cantidades de auga. Para producir un só quilo de tenreira necesítanse 15.400 litros.
- Se atendemos aos produtos que consumimos habitualmente no fogar, sorprenderíanos saber que, para producir medio quilo de manteiga, requírese uns 2.700 litros de auga; para medio quilo de queixo, 2.500 litros; para unha hamburguesa, 2.400 litros e, para unha bolsa de patacas fritidas, 185 litros.
- Se nos imos ás legumes e cereais, o arroz ocupa o primeiro lugar, con 1.700 litros para medio quilo. E, no caso das bebidas, é o leite: 1.000 litros de auga para producir 1 litro deste alimento.
- Os países con maior pegada hídrica son China, India e Estados Unidos, aglutinando o 38% do consumo de auga a nivel mundial.
- No marco da Unión Europea, España ocupa o segundo posto, por detrás de Portugal. No noso caso estariamos a falar dunha demanda de 2.461 metros cúbicos de auga ao ano por habitante, o que equivale a gastar 6.700 litros por persoa e día.
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2019.- Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), calcúlase que o 70% da pegada hídrica a nivel mundial está vinculada á comida. Iso é debido a que a produción de alimentos require de grandes cantidades de auga, sendo a carne o produto máis esixente respecto deste recurso natural. Sirva como exemplo os 15.400 litros necesarios para producir 1 quilo de tenreira; os 8.700 litros para a mesma cantidade de cordeiro; os preto de 6.000 litros para o porco e os 4.300 litros para o polo.
QUE É A PEGADA HÍDRICA
Explícao a Fundación Aquae. Trátase dun indicador medioambiental que define o volume de auga doce total para producir bens e servizos que consumimos de forma habitual, como individuo, comunidade ou empresa.
Para proceder ao cálculo da pegada hídrica (HH), hai que medir o volume (litros ou metros cúbicos) de auga utilizada na cadea de subministración dun produto. E isto contempla, non só a auga incorporada ao propio produto, senón a contaminada, a devolta a outra cunca ou ao mar e tamén a evaporada nos distintos procesos.
Neste marco, a HH é o resultado de tres indicadores, que se dividen en cores, en función da procedencia da auga. Temos así a pegada hídrica verde (a que procede directamente da auga de choiva ou neve e almacénase no solo en capas superficiais ao alcance das plantas); a pegada hídrica azul (procede de fontes naturais ou artificiais mediante infraestruturas ou instalacións operadas polo home) e a pegada hídrica gris (auga contaminada nos procesos de produción que, con carácter posterior, é necesario diluír para dar debido cumprimento ás normativas sectoriais).
LITROS E LITROS CADA DÍA PARA COMER
A Fundación Aquae, cuxo labor oriéntase cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), analizou canta auga se require para producir os alimentos que inxerimos cada día. Para a elaboración de medio quilo de manteiga, precísase uns 2.700 litros de auga; para medio quilo de queixo, 2.500 litros; unha hamburguesa necesita 2.400 litros; unha bolsa de patacas fritidas, 185 litros; unha simple ración de aceitunas, 250 litros; unha mazá, 70 litros; unha laranxa, 50 litros; unha pataca, 25 litros; e unha única leituga ou un tomate, 13 litros.
Se nos imos ás legumes e cereais, o arroz lévase a palma, con 1.700 litros para medio quilo. Mesma cantidade de trigo require 500 litros, que baixa a 450 litros para o millo e 25 litros para as lentellas.
No caso das bebidas, o leite ocupa o primeiro lugar, demandando 1.000 litros de auga para producir 1 litro de leite. Unha xerra de café require 840 litros de auga; unha botella de viño, 720 litros; un vaso de zume de mazá, 190 litros; unha caña de cervexa, 106 litros, e unha simple cunca de té, 35 litros.
Os países con maior pegada hídrica son China, India e Estados Unidos, aglutinando o 38% do consumo de auga a nivel mundial. Pola súa banda, España, no marco da Unión Europea, ocupa o segundo posto, por detrás de Portugal. No noso caso estariamos a falalr dunha demanda de 2.461 metros cúbicos de auga ao ano por habitante, o que equivale a gastar 6.700 litros por persoa e día.
Fonte: www.fundacionaquae.org
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación