- Así se recolle nos datos actualizados do Instituto Internacional do Aluminio.
- Esta cifra permitiu evitar a emisión de 300 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro, xa que o metal reciclado reduce a demanda de aluminio primario.
- A lata de aluminio é o envase de bebidas máis reciclado no mundo.
Cerceda, ao 28 de maio de 2021.- Segundo datos do Instituto Internacional do Aluminio, en 2019 recicláronse 20 millóns de toneladas de aluminio postconsumo, unha cantidade récord que permitiu evitar a emisión de 300 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro, xa que o metal reciclado reduce a demanda de aluminio primario.
Tal e como se recolle na última actualización do Modelo de Fluxo de Materiais do IAI, esta cifra representa case o 60% do consumo total de chatarra, xa que o postconsumo -procedente de produtos usados (envases, vehículos e construción)- segue a superar os niveis de chatarra de preconsumo -xeralmente producida en procesos industriais-.
En relación a este resultado, a directora de Escenarios e Previsións do IAI, Marlen Bertram, afirma que «agárdase que a demanda de aluminio aumente ao redor do 80% en 2050, e o IAI prevé que o aluminio reciclado podería satisfacer a metade desa demanda. Cos ambiciosos obxectivos de recollida de latas de bebidas usadas e a mellora das tecnoloxías de reciclaxe do papel de aluminio, esta taxa podería ser mesmo maior.»
O aluminio é un dos materiais máis reciclables do planeta e o IAI traballa para garantir que os produtos ao final da súa vida útil volvan entrar no circuíto de reciclaxe, dado o valor económico e ambiental deste metal na economía mundial.
O documento lembra que a lata de aluminio é o envase de bebidas máis reciclado no mundo, cunha taxa media do 69%, en comparación co tereftalato de polietileno ( PET), cun 43%, e o vidro, cun 46%.
O Instituto Internacional do Aluminio representa actualmente a máis do 60% da produción mundial de bauxita, alúmina e aluminio, asociando ás compañías dedicadas á produción, fabricación e reciclaxe destes elementos e ás empresas de industrias conexas.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels