- Xunto con Prezero, empresa xestora da planta de clasificación de envases lixeiros, apostouse pola implantación das denominadas “Unidades de Competencia”, a través das cales o persoal poderá acceder a unha titulación oficial con validez en toda España
- Trátase dun sistema pioneiro de formación e avaliación de habilidades, integrado na formación dual, e que se erixe nun interesante catalizador para o crecemento e a excelencia no sector industrial
- A dirección de Sogama móstrase convencida de que investir no desenvolvemento de habilidades e competencias de todas as persoas que traballan nas súas instalacións, resulta fundamental para prestar un mellor servizo público a Galicia
Cerceda, a 22 de febreiro de 2024.- Sogama está a poñer os cimentos do que será o seu Plan Estratéxico 2024-2030 e que pivotará sobre 5 eixos fundamentais: a transformación dixital, a descarbonización dos seus procesos, a incorporación de novas fraccións de residuos á súa xestión, a adopción dun enfoque circular e, moi importante, a profesionalización do persoal adscrito á súa infraestrutura industrial, esencial para dotar a Galicia, non só do mellor modelo de xestión e tratamento de residuos municipais, senón tamén dos mellores profesionais do sector.
Con tal fin, Sogama e Prezero, a empresa xestora da planta de clasificación de envases lixeiros, localizada no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), apostaron firmemente pola implantación das denominadas “Unidades de Competencia”, un sistema pioneiro de formación e avaliación de habilidades, integrado na formación dual, e que está a demostrar ser un interesante catalizador para o crecemento e a excelencia no sector industrial, pois, a través do mesmo, os traballadores poderán obter titulacións relativas a distintas familias profesionais.
Este enfoque único require da identificación previa de competencias específicas necesarias para cada posto, a creación de programas de formación personalizados e a avaliación continua do desempeño dos empregados.
Para levar a cabo esta iniciativa, cóntase co valioso asesoramento de Manuel Verdes, docente no IES Monte Neme de Carballo e figura clave neste proceso polo seu alto nivel de coñecemento, experiencia, implicación e dedicación, exercendo de ligazón coa Consellería de Educación para garantir o rigoroso cumprimento da folla de roteiro establecida.
Tal e como manifestou a Dirección de Sogama “Darlles a oportunidade de acceder a este tipo de certificacións, ten importantes beneficios, tales como maior crecemento persoal, maior produtividade, maior satisfacción co seu labor, maior autoestima, maior compromiso cos obxectivos da empresa e, en consecuencia, maior eficiencia da instalación”.
Os directivos da Sociedade Galega do Medio Ambiente móstranse convencidos de que investir no desenvolvemento de habilidades e competencias de todas as persoas que traballan nas súas instalacións, resulta fundamental para seguir á vangarda, para posibilitar unha mellora continua, para acometer novos proxectos e, en definitiva, para prestar un mellor servizo público a Galicia, grazas a un equipo humano cualificado, motivado e comprometido.
A industria debe estar sempre en constante evolución, e as empresas que apostan pola innovación na formación e o desenvolvemento dos seus empregados, teñen o potencial de liderar o camiño cara a un futuro industrial máis competitivo e sostible.
Fases da certificación
O certificado obtido, de carácter oficial e expedido pola Xunta de Galicia, ten validez en toda España, e acredita a experiencia e o coñecemento do traballador.
Nestes momentos, o asesor, Manuel Verdes, está a axudar ás persoas solicitantes das titulacións a facer provisión de todas as probas que poidan achegar para defender a súa competencia profesional (proxectos, traballos realizados, cursos, certificados de estudos, referencias, informes e certificados de empresas).
Posteriormente, unha comisión de avaliación comprobará o exposto na documentación achegada, utilizando para isto a metodoloxía que considere máis axeitada: observación directa no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional e/ou entrevista profesional.
Unha vez superado o proceso de avaliación, os traballadores obterán un certificado de cada unha das unidades de competencia nas que demostrasen a súa capacidade profesional.
Saúdos, Departamento de Comunicación