- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, en diferentes medios, onde explicou que as medidas aplicadas polo Goberno central supuxeron un incremento de 39 € no custo por tonelada de residuos tratada na planta
- Para 2025, a empresa propuxo actualizar o seu canon a 108 €/tonelada, insistindo en que, se os concellos reducen a xeración de residuos e envían máis materiais a reciclar, a factura de Sogama verase minorada
- Igualmente, asegurou que a meirande parte dos países europeos non teñen instaurados os impostos á vertedura e á incineración, ben por non consideralos axeitados e efectivos, ou ben por ter decidido establecer unha moratoria aos mesmos
Cerceda, a 6 de setembro de 2024.- En declaracións a diferentes medios, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou e defendeu a proposta de actualización do canon para 2025 debido ao “atropelo” que representan as medidas unilaterais establecidas polo Estado e que ocasionaron un buraco na caixa da empresa de máis de 18 M€ en 2023.
Entre estas medidas, destacou a aplicación dos impostos á vertedura e á incineración, que, enmarcados na Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular, fixéronse efectivos a partir do 1 de xaneiro de 2023, supoñendo un impacto económico para Sogama de 9,1 M€. Aludiu tamén á eliminación e redución da retribución ao investimento e explotación de plantas auxiliares que desempeñan un papel crave no tratamento dos residuos desenvolvido no Complexo Medioambiental de Cerceda, así como á recuperación do imposto eléctrico.
Todo isto supuxo un incremento de 39 euros no custo por tonelada tratada nas súas instalacións, que Sogama veu soportando en solitario cos seus propios medios, véndose na obrigación de actualizar o canon a fin de garantir a viabilidade e sostibilidade da empresa, que presta un servizo básico e esencial en Galicia a 295 municipios (máis de 2,2 millóns de habitantes).
Proposta canon 2025
Aínda que o custo que supón para Sogama a xestión de cada tonelada de residuos sitúase na contorna dos 120 €, o certo é que o importe do canon de 2024, fixado nunha media de 66 €/tonelada, logo da achega da Xunta de 12 €/tonelada a través dun FCL adicional para axudar aos concellos para soportar as cargas tributarias do Goberno central, afástase moito da cifra necesaria para financiar o servizo.
Dado que o Estado non rectifica e todo apunta a que as decisións adoptadas no seu momento seguirán o seu curso, para 2025, Sogama propuxo actualizar o seu canon a 108 €/tonelada, á vez que insiste en que os concellos, que son quen ten as competencias en materia de xestión de residuos, poden facer moito para minorar custos se reducen a produción de residuos en orixe e os separan por tipoloxías para que poidan ser reciclados, resultando indispensable a colaboración da poboación mediante o depósito de cada fracción no contedor correspondente.
Trátase dunha cadea na que cada parte debe asumir a súa responsabilidade para que a xestión sostible dos residuos sexa unha realidade e contribúa ao coidado do medio ambiente e a saúde pública.
Decisións sen xustificación
Así mesmo, Domínguez lamentou que determinados grupos políticos xustifiquen os impostos á vertedura e á incineración pola transposición dunha Directiva Europea, cando, en realidade, a meirande parte dos países europeos non os están implantando, ben por non consideralos axeitados e efectivos, ou ben por ter decidido establecer unha moratoria aos mesmos.
Criticou tamén a aqueles partidos e organizacións que, tendo apoiado a inclusión destes impostos na lei, conscientes das súas consecuencias para as arcas locais e o peto dos cidadáns, arremetan agora contra Sogama, cando, coas súas decisións, puxeron en xaque a viabilidade da Sociedade. Entre estes, aludiu á Fegamp, que fixo caso omiso á invitación da Xunta para presentar alegacións á lei, e á Femp.
Malia a actualización, o canon de Sogama continuará a ser o máis barato de Galicia (fronte á 119 €/tonelada de Nostián e a 150 €/tonelada do Barbanza) e un dos máis baratos de España.
Con todo, o presidente da empresa manifestou que “seguiremos pedindo ao Goberno que dea marcha atrás; se rectifica e elimina as medidas económicas, Sogama, de forma automática, anula a actualización do canon e recupera o importe de 66 €/tonelada”, remachou.
Saúdos, Departamento de Comunicación