- Os resultados de diversas enquisas promovidas o pasado mes de xaneiro no marco da iniciativa ONU75, mostran que os cidadáns conceden gran importancia á loita contra o cambio climático, así como á necesidade de establecer unha cooperación internacional máis estreita para avanzar na área medioambiental e outras.
- Ata marzo, máis de 13 millóns de persoas de case todos os Estados Membros da ONU xa tiñan participado nesta acción.
Cerceda, a 21 de maio de 2020.- No marco da iniciativa ONU75, esta organización iniciou, o pasado mes de xaneiro, unha conversación global a fin de que todas as persoas tivesen a oportunidade de expoñer as súas prioridades para o futuro, deixando constancia de cales son, ao seu entender, os principais obstáculos e desafíos e que papel debería xogar a cooperación global para facer fronte aos mesmos.
Ata marzo, máis de 13 millóns de persoas de case todos os Estados Membros da ONU xa tiñan participado nesta iniciativa e máis de 40.000 completaran a enquisa dun minuto. Así mesmo, desenvolvéronse máis de 330 diálogos en 87 países.
Os enquisados puxeron especial énfase no cambio climático e o medio ambiente, apuntando á protección ambiental como unha das súas tres prioridades. Así mesmo, coincidiron na necesidade dunha cooperación internacional máis estreita para avanzar nesta e outras áreas.
O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), como a máxima autoridade ambiental dentro do sistema da ONU, manifesta estar disposto a axudar aos países a enfrontar o desafío de ofrecer un futuro mellor. PNUMA celebrará o seu propio aniversario en 2022, cumprindo 50 anos no corazón do movemento ambiental desde que se fundara, en 1972, no Cume da Terra de Estocolmo.
Tamén está traballando cos seus aliados na implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, particularmente en áreas que teñen un vínculo directo co medio ambiente como é o caso dos refugallos perigosos, a gobernanza, a conservación da vida silvestre, o cambio climático e os ecosistemas.
Un aporte clave de PNUMA é o Informe sobre a Brecha de Emisións, cuxa edición máis recente advirte que debemos reducir as emisións globais un 7,6% cada ano na próxima década se queremos limitar o aumento de temperatura global en 1,5°C a fins de século, tale e como o establece o obxectivo máis ambicioso do Acordo de París.
A través da enquisa dun minuto (dispoñible en 53 idiomas) e os diálogos en liña organizados por socios ao redor do mundo, o equipo de ONU75 seguirá coñecendo as perspectivas do público sobre os desafíos globais e as solucións necesarias.
A xuízo de ONU, abordar a nova pandemia do coronavirus e protexernos de futuras ameazas mundiais require dunha xestión segura dos residuos; un manexo sólido da natureza e a biodiversidade; e un claro compromiso de "reconstruír mellor", crear empregos verdes e facilitar a transición cara a economías neutras en carbono.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay