- A proxección dun futuro saudable basease en substituír o modelo de desenvolvemento de “crecer agora, limpar despois” por un modelo económico “cero residuos” para o ano 2050.
- Un informe de ONU Medio Ambiente conclúe que, ou ben se aumenta de forma drástica a protección ambiental, ou ben os riscos para a saúde veranse notablemente acrecentados.
- Non obstante, evidencia que xa existen políticas e tecnoloxías para deseñar novas vías de desenvolvemento que eviten os riscos, resultando necesario implementalas a velocidade e a escala axeitadas.
Cerceda, a 26 de marzo de 2019.- Un informe de ONU Medio Ambiente no que traballou durante os últimos cinco anos un equipo de 250 científicos e expertos de máis de 70 países, apunta á necesidade de aumentar de forma drástica a protección ambiental para evitar serios problemas de saúde.
Nestes sentido, a sexta edición do reporte Perspectiva do Medio Ambiente Mundial (GEO-6) advirte que a resistencia antimicrobiana converterase nunha das principais ameazas en 2050.
Ao respecto, a Directora Executiva Interina de ONU Medio Ambiente, Joyce Msuya, manifestou que a información científica é clara. “A saúde e a prosperidade humana están directamente relacionadas co estado do medio ambiente”.
Na situación actual, o mundo non está no camiño de dar cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para 2030 ou 2050. Precísanse medidas urxentes, toda vez que, calquera retraso na acción climática aumentará o custo de alcanzar os obxectivos do Acordo de París ou reverterá o progreso logrado ata o momento. Neste sentido, alúdese a que a proxección dun futuro saudable baséase en substituír o modelo de desenvolvemento de “crecer agora, limpar despois” por un modelo económico “cero residuos” para o ano 2050.
ACCIÓNS A LEVAR A CABO
O estudo recomenda consumir menos carne e reducir o desperdicio de comida, pois, de non tomar medidas, sería necesario aumentar a produción de alimentos nun 50% para satisfacer a demanda de entre 9.000 e 10.000 millóns de habitantes do planeta en 2050. O 33% dos alimentos do mundo desperdíciase e o 56% destes residuos ten lugar en países industrializados.
A mellor planificación da urbanización, do uso da terra e da infraestrutura verde, así como o investimento estratéxico en áreas rurais tamén resultan clave, do mesmo xeito que unha maior acción contra o lixo mariño
Os autores reportan avances na recompilación de datos e estatísticas ambientais, sinalando que existe un gran potencial para impulsar o coñecemento a través do big data (grandes datos) e o fortalecemento da cooperación entre aliados públicos e privados.
Así mesmo, consideran que a intervencións de políticas que abordan sistemas completos (enerxía, alimentos e residuos), en lugar de problemas específicos, como é o caso da contaminación da auga, poden resultar moito máis efectivas. E como exemplo aluden a que un clima estable e un aire limpo son resultados interconectados; as medidas de mitigación climática para alcanzar os obxectivos do Acordo de París custarían ao redor de 22 billóns de dólares estadounidenses, pero reducir a contaminación do aire traería beneficios acumulados para a saúde de ata 54 billóns.
O informe evidencia que xa existen políticas e tecnoloxías para deseñar novas vías de desenvolvemento que eviten os riscos, resultando necesario implementalas a unha velocidade e a unha escala axeitadas.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación