- O Día Mundial do Medio Ambiente 2025 salientará a importancia de poñer fin á contaminación por plásticos e Jeju, unha illa famosa polas súas marabillas naturais, lidera os esforzos políticos da República de Corea neste senso
Cerceda, a 6 de novembro de 2024.- O Ministerio de Medio Ambiente da República de Corea e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) anunciaron recentemente que a provincia autónoma especial de Jeju será a sede do Día Mundial do Medio Ambiente 2025, un evento que se vén celebrando cada 5 de xuño desde 1973 e que, desde entón, medrou ata converterse na maior plataforma mundial para a divulgación en materia ambiental.
O Día Mundial do Medio Ambiente 2025 salientará a importancia de poñer fin á contaminación por plásticos, creando sinerxías coas negociacións en curso para desenvolver un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, incluído o medio mariño.
Jeju, unha illa famosa polas súas marabillas naturais, lidera os esforzos políticos da República de Corea para combater a contaminación por plásticos. De feito, declarou en 2022 a súa visión de estar libre de contaminación plástica para 2040.
«O compromiso da illa de Jeju cun futuro sen contaminación por plásticos alíñase perfectamente cos obxectivos do Día Mundial do Medio Ambiente 2025», afirmou Inger Andersen, Directora Executiva do PNUMA. «Ao mostrar a súa prístina beleza natural e as súas innovadoras iniciativas ambientais, Jeju inspirará a outros a tomar medidas e salvagardar o noso planeta».
Kim Wan-sup, Ministro de Medio Ambiente da República de Corea, afirmou: «O Día Mundial do Medio Ambiente 2025 será un momento clave para os esforzos mundiais orientados a poñer fin á contaminación por plásticos. Colaboraremos coa illa de Jeju para garantir o éxito do evento e posicionarnos como un país líder na loita contra a contaminación plástica».
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay