- A planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa estará apoiada por 5 plantas de transferencia: 2 de nova construción (A Lama e Arbo) e 3 sometidas a remodelación (Silleda, O Porriño e Vigo)
- Así o expuxo o presidente de Sogama durante o encontro que esta mesma mañá mantivo co presidente da Deputación de Pontevedra e no que analizaron conxuntamente distintos aspectos vinculados á implantación do contedor marrón
- Domínguez púxose ao dispor do ente provincial para axudar aos concellos en todo o concernente á formación e concienciación da veciñanza sobre correcto uso do quinto contedor, á vez que se comprometeu a reforzar a colaboración cos municipios para ampliar a compostaxe doméstica a novos ámbitos de poboación
Pontevedra, a 7 de novembro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, mantivo un encontro co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para expoñer a situación da rede pública de infraestruturas coas que contará a provincia para valorizar, mediante a súa transformación en compost, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.
Unha planta de biorresiduos e 5 plantas de transferencia de apoio
A planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, que visitou recentemente o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado por Luis López, estará apoiada por cinco plantas de transferencia ás que se dotou dunha tolva específica para transvasar os residuos orgánicos e transportalos posteriormente ata a de tratamento.
Dúas destas cinco plantas de transferencia son de nova construción (A Lama, xa concluída; e Arbo, cuxa obra finalizará o próximo mes de decembro) e tres están sometidas a remodelación. É o caso de Silleda e O Porriño, listas para comezar a operar, así como a de Vigo, esta última pendente de licenza urbanística para poder executar a obra.
O obxectivo de Sogama é que a práctica totalidade dos concellos da provincia de Pontevedra dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, o que propiciará un aforro de custos económicos para as arcas locais, e tamén medioambientais debido ao menor transporte de residuos por estrada, coa conseguinte diminución de emisións de CO2 á atmosfera.
A cidadanía, peza crave
Dado que os concellos están obrigados, no marco da lexislación europea, a implantar a recollida diferenciada da fracción orgánica contida nos residuos antes do 31 de decembro de 2023, Javier Domínguez púxose ao dispor da Deputación de Pontevedra para axudar aos municipios en todo o concernente á formación e concienciación da veciñanza no correcto uso do contedor marrón (cursos presenciais, cursos en liña, charlas, edición de diverso material didáctico e divulgativo, etc.).
Ao respecto, incidiu na necesidade de que os usuarios separen correctamente a fracción orgánica para garantir a elaboración dun compost de alta calidade na planta de tratamento, que será utilizado posteriormente no sector da agricultura e a xardinería.
A compostaxe doméstica, unha gran axuda
Así mesmo, fixo fincapé na importancia de seguir incentivando a compostaxe doméstica nas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo, toda vez que, con esta práctica, aplícase plenamente o principio de proximidade ao tratar o residuo orgánico en orixe, que regresa á terra en forma de abono natural para dar unha nova vida.
Neste sentido, lembrou que un total de 47 concellos da provincia de Pontevedra, ademais de 68 centros educativos e 8 colectivos sociais, están adscritos ao programa de compostaxe doméstica liderada por Sogama en Galicia, tendo repartido entre os mesmos un total de 7.637 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación