- Se en 2015 o conxunto dos 60 concellos pontevedreses adscritos ao modelo Sogama remitiron a esta empresa pública 338.059,26 toneladas, en 2018 esta cifra ascendeu a 347.941,25 toneladas.
- Así, Pontevedra é a provincia que aumenta en maior medida a xeración de refugallos, fronte ao 0,54% da provincia da Coruña, o 2,53% da de Lugo e o 1,29% da provincia de Ourense.
- Marín e Vilanova de Arousa foron as localidades que máis reduciron os seus residuos no último ano. A primeira, en 101,83 toneladas, e, a segunda, en 153,78 toneladas.
- Este mesmo ano, os concellos adheridos a Sogama que así o desexen poderán acollerse a unha bonificación do 10% no importe do canon sempre e cando se comprometan con medidas de redución de residuos e/ou reciclaxe, e trasladen esta bonificación ás persoas beneficiarias do servizo.
- O consumo responsable, complementado coa correcta xestión dos residuos desde unha perspectiva integral, contemplando o conxunto das fraccións, eríxese na mellor fórmula para avanzar cara á verdadeira sostibilidade.
Cerceda, a 1 de febreiro de 2019.- Tomando como referencia o ano 2015, a provincia de Pontevedra incrementou os envíos de residuos a Sogama nun 2,92% fronte á media galega do 1,96%.
Se en 2015 a provincia pontevedresa xerou 338.059,26 toneladas de refugallos, en 2018 esta cifra subiu ata as 347.941,25 toneladas.
Desta forma, Pontevedra sitúase como a provincia galega que aumenta en maior medida a produción de lixo fronte ao 0,54% da provincia da Coruña, o 2,53% da de Lugo e o 1,29% da provincia de Ourense.
Cabe sinalar que todos os concellos da provincia de Pontevedra, excepto Pontecesures, que utiliza os servizos da planta do Barbanza, están adscritos ao modelo Sogama. Isto quere dicir que a empresa pública xestiona cada día os refugallos producidos por 60 concellos pontevedreses, que aglutinan a preto de 940.000 habitantes.
Aínda que con distintas porcentaxes, a maior produción de lixo durante o último ano constatouse en concellos tales como Poio, Mos, Ponteareas, Porriño, Nigrán, Vigo, Gondomar e Silleda. Sen embargo, na outra cara da moeda atópanse Marín e Vilanova de Arousa, que foron as localidades que máis reduciron os seus refugallos o pasado exercicio: a primeira, en 101,83 toneladas, e, a segunda, en 153,78 toneladas.
REDUCIÓN E RECICLAXE, AS CLAVES DA SOSTIBILIDADE
Tomando como referencia a Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 23 de xaneiro, e a través da cal se establece o importe do canon a aplicar por Sogama durante o presente ano 2019, esta entidade pública quere premiar, cunha bonificación do 10%, a aquela entidades locais que se comprometan coa menor produción de lixo e/ou a maior reciclaxe, e que trasladen esta bonificación ás persoas beneficiarias do servizo.
O consumo consciente, informado e responsable eríxese nunha prioridade, debendo acompañarse daquelas iniciativas municipais que velen realmente pola menor xeración de residuos e a correcta selección dos mesmos, unha vez producidos, para que sexan depositados nos contedores correspondentes, propiciando con isto unha maior reciclaxe e, en consecuencia, un maior aforro enerxético e de materias primas.
A maior formación e concienciación da poboación na xestión integral, e non parcial, dos residuos, así como a articulación de medidas para que estes poidan transformarse en recursos achandará o camiño cara ao que debe ser a verdadeira sostibilidade desde a dimensión ambiental, económica e social.
Sogama anima aos concellos a que se sumen a este reto, ao que debe facerse fronte desde a corresponsabilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación