- Dos máis de 12 millóns de toneladas de residuos electrónicos que previsiblemente se xerarán o próximo ano en Europa, estímase que 2,5 millóns de toneladas (23%) serán plásticos.
- O proxecto PolyCE, financiado pola Comisión Europea, coa colaboración da ONU, insta aos fabricantes a que redeseñen produtos para mellorar a reciclabilidade dos mesmos e incorporen plásticos reciclados en novos artigos, á vez que recomenda aos consumidores dar prioridade aos produtos que conteñen plásticos reciclados.
- Cunha duración de 2 anos, a vintena de socios que integran esta iniciativa teñen a súa sede ou operan en nove países: Bélxica, Holanda, Italia, Alemaña, Austria, España, Finlandia, Estados Unidos e o Reino Unido.
- A través dunha serie de demostracións, o proxecto asegura que fabricar EEE con plásticos reciclados de alta calidade é economicamente viable para os fabricantes, e os produtos son tan duradeiros como os que conteñen plásticos virxes.
Cerceda, a 28 de outubro de 2019.- Os plásticos son esenciais para fabricar diferentes compoñentes dos produtos electrónicos e eléctricos, incluídos teléfonos, computadoras, televisores, aspiradoras, secadores de cabelo e electrodomésticos.
Dos máis de 12 millóns de toneladas de residuos electrónicos que previsiblemente se xerarán o próximo ano en Europa (UE, Noruega e Suiza), estímase que 2,5 millóns de toneladas (23%) serán plásticos.
Segundo o Consello Nórdico de Ministros, os plásticos representan aproximadamente o 20% de todos os materiais en equipos electrónicos e eléctricos (EEE), a maioría dos cales non están deseñados para a súa recuperación e reutilización.
Neste marco emerxe o proxecto PolyCE. Financiado pola Comisión Europea, co apoio da ONU, insta aos fabricantes a que redeseñen produtos para mellorar a reciclabilidade dos mesmos e incorporen plásticos reciclados en novos artigos, á vez que recomenda aos consumidores dar prioridade aos produtos que conteñen plásticos reciclados.
O proxecto, cunha duración de dous anos, está promovido por PolyCE (polímeros reciclados de alta tecnoloxía postconsumo para unha economía circular), un consorcio multinacional dirixido por Fraunhofer IZM e que integra a tres universidades (UN University, Bonn; University of Ghent, Bélxica; Technical University Berlin; e Universidade de Northampton, Reino Unido), organizacións da sociedade civil (European Environmental Bureau) e numerosas empresas, como é o caso de Philips e Whirlpool.
Os 20 socios teñen a súa sede ou operan en nove países: Bélxica, Holanda, Italia, Alemaña, Austria, España, Finlandia, Estados Unidos e o Reino Unido.
BENEFICIOS AMBIENTAIS
O proxecto ilustra, a través dunha serie de demostracións, que fabricar EEE que conteñan plásticos reciclados de alta calidade é economicamente viable para os fabricantes, e os produtos son tan duradeiros como os que conteñen plásticos virxes.
Ademais, comprar EEE que conteñan plásticos reciclados ofrece moitos outros beneficios para o medio ambiente, xa que, non só se eliminaría a presión sobre os recursos naturais e se reduciría a xeración de refugallos, senón que, por cada tonelada reciclada, evitaríase ata 3 toneladas de emisións de CO2.
Unha enquisa recente de consumidores, realizada polo proxecto PolyCE, desvelou que a metade dos enquisados non sabían se algunha vez compraran un produto tecnolóxico que incluíse plástico reciclado. Do 25% que respondeu afirmativamente, o 86% non percibiu diferencia algunha en calidade, aparencia ou rendemento.
A INFORMACIÓN, CLAVE
Unha vez informados sobre os beneficios para a saúde e o medio ambiente dos compoñentes plásticos reciclados en EEE, o 95% dos enquisados confirmaron que comprarían produtos con esa característica.
O éxito da iniciativa é relevante para a consecución de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, especialmente o ODS 12 (consumo e produción responsables), o ODS 11 (cidades e comunidades sostibles) e o ODS 12 (acción climática).
Fonte: PolyCe
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación