- Lanzado por APEAL (Asociación europea de produtores de aceiro para envases) céntrase en aspectos tales como a optimización da recollida selectiva, a reciclaxe de tapas, as normas de calidade da chatarra e o deseño para a reciclaxe.
- A pretensión deste documento é axudar a toda a cadea de valor a traballar en colaboración para alcanzar a visión de APEAL de “cero envases de aceiro nos vertedoiros para 2025″.
- Cunha media do 84% de reciclaxe en toda Europa en 2019, o aceiro para envases xa é o material de envasado primario máis reciclado no continente.
Cerceda, a 16 de febreiro de 2022.- A asociación europea de produtores de aceiro para envases APEAL anunciou o lanzamento do seu novo informe sobre boas prácticas para a reciclaxe dos envases de aceiro e que dá continuidade ao primeiro publicado pola asociación en 2018, ‘Boas prácticas de recollida selectiva, clasificación e reciclaxe de aceiro para envases’, con moi boa acollida en toda Europa.
Este novo informe céntrase nas mellores prácticas en catro áreas crave: a optimización da recollida selectiva, a recollida e clasificación de tapas e tapóns de aceiro, as normas de calidade da chatarra e o deseño para a reciclaxe.
Alexis Van Maercke, secretario xeral de APEAL, explica que o documento «proporciona información actualizada e relevante para toda as organizacións e partes interesadas, tanto do sector público como do privado, que desexen saber máis sobre unha historia real e exitosa de reciclaxe de materiais. O obxectivo é axudar ás partes interesadas de toda a cadea de valor a traballar en colaboración para alcanzar a visión de APEAL de cero envases de aceiro nos vertedoiros para 2025″.
MATERIAL DE ENVASADO PRIMARIO MÁIS RECICLADO EN EUROPA
Cunha media do 84% de reciclaxe en toda Europa en 2019, o aceiro para envases xa é o material de envasado primario máis reciclado, o que supón un gran aforro de emisións e de uso de recursos e enerxía. As cualidades inherentes únicas do aceiro supoñen unha vantaxe natural.
As propiedades magnéticas fan que sexa fácil e económico reciclalo, xa que non é necesario un proceso de clasificación específico. Como material permanente, o aceiro tamén pode reciclarse para sempre sen perder a súa calidade.
A chatarra de aceiro é tamén unha parte inherente ao proceso de produción de aceiro novo, polo que cada planta siderúrxica de Europa é, ao mesmo tempo, unha planta de reciclaxe que aforra recursos, enerxía e emisións ao reciclar este material nun proceso sinxelo e eficiente.
Pero APEAL cre que se pode facer máis, e neste sentido Van Maercke engade que «o aceiro para envases é un recurso demasiado valioso como para desperdicialo se Europa quere alcanzar os obxectivos finais do Green Deal. Este novo informe mostra como as propiedades únicas do aceiro, xunto co compromiso da nosa industria, poden achegarnos á consecución dunha economía máis circular».
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay